Un novo vídeo de Divulgare analiza as estratexias adaptativas dos organismos no deserto

A curtametraxe realizouse como complemento ás saídas de campo do grupo de investigación
Por o 10/04/2019 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
Un novo vídeo de Divulgare analiza as estratexias adaptativas dos organismos no deserto
Compartir en:

Divulgare, o proxecto de divulgación do Grupo de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo, acaba de presentar Adaptaciones vitales en los desiertos, un vídeo inserido dentro dunha serie de curtametraxes que, dende unha perspectiva científica, tenta dar a coñecer as distintas estratexias coas que diferentes organismos adaptan a súa contorna. “Os vídeos gravámolos durante as nosas saídas de campo, nas que recollemos datos para traballar nos nosos proxectos de investigación”, explica o investigador Luis Navarro, director de Divulgare. O seu grupo aproveita este traballo en exteriores para colleitar información e imaxes que despois se converten nas pezas audiovisuais de divulgación, nas que abordan curiosidades sobre as estratexias “de supervivencia e adaptación ao medio natural de organismos que viven en condicións ou lugares peculiares”.

Nos desertos hai poucos recursos e os seres vivos que os habitan desenvolven diferentes mecanismos para a súa supervivencia. Nun lugar así, tal e como se explica na curtametraxe, as plantas, pola súa falta de mobilidade, pódense converter nun recurso moi fácil de obter para moitos dos herbívoros e granívoros que viven no deserto do Sahara, lugar onde se realizou a rodaxe desta peza audiovisual, que conta coa colaboración de Juan Corite, profesor de Botánica da Universidad de Granada, que forma parte dun “equipo de investigadores multidisciplinar e multi-institucional, traballando sobre a perda de diversidade e plasticidade fenotípica nos desertos”, salienta Navarro.

“Chama a nosa atención como a evolución ten seleccionado as plantas que adquiriron características que, por un lado, protexen as súas sementes dos depredadores e, por outro, mantén protexida esa semente ata que as condicións ambientais son as óptimas para a súa xerminación”, subliña Navarro. Este é o mecanismo que adoptou a planta que protagoniza, a Asteriscus Pygmaeus, da familia das margaridas, que garda as súas sementes nunha cápsula ata que chega a época de choivas, momento no que os seus principais depredadores están menos activos e que resulta propicio para espallar os seus brotes.

Divulgación baseada no voluntarismo

O Grupo de Ecoloxía e Evolución de Plantas estuda os mecanismos e estratexias de adaptación e supervivencia dos seres vivos en distintos ambientes e contornas e, ademais, apostan por trasladar todo este coñecemento á sociedade “dando ao espectador as ferramentas necesarias para que entenda mellor este planeta e o seu funcionamento”, salienta Navarro. Para isto puxeron en marcha Divulgare e a serie de curtametraxes, un labor para o que o grupo non conta con financiamento extra, polo que “as imos sacando a salto de mata, en función das nosas posibilidades”, subliña Navaro, que tamén explica que esta semana publicaron a versión en inglés do vídeo sobre biodiversidade en Madagascar.

Así, Adaptaciones vitales en los desiertos é o último dunha serie de pezas sobre distintas estratexias de supervivencia, entre os que están Cleptoparasitismo en arañas ou Plantas hemiparásitas: organismos con doble moral, e outros vídeos nas que explican como xurdiron, dende un punto de vista evolutivo, determinados mecanismos ou estratexias para adaptarse ao ambiente, como é o caso de Estrategias adaptativas: Hipótesis de la Alarma contra ladrones. 

Luis Navarro destaca a importancia deste tipo de investigacións, xa que máis aló de comprender o funcionamento da natureza, o estudo deste tipo de mecanismos e estratexias de supervivencia, pode ter moitas máis aplicacións. “Hai disciplinas de ciencia aplicada que buscan na natureza materiais, deseños ou procesos que a evolución xa seleccionou co propósito de desenvolver técnicas que fagan máis sinxela a vida dos humanos”, destaca Navarro.

Non só no deserto

Os desertos son ambientes que impoñen moitas limitacións á vida e son lugares  nos que resulta máis habitual atopar casos como os da Asteriscus Pygmaeus, pero non son os únicos nos que achar organismos que posúan estratexias adaptativas curiosas. Dende Divulgare, en cada viaxe que fan, aproveitan para explorar e mostrarlle aos espectadores que non se trata de cousas extraordinarias, que este tipo de situacións pódense observar ata “na porta das nosas casas, no camiño ao traballo ou a escola, sen dúbida, podemos ver multitude de mecanismos de adaptación ao medio peculiares”, conclúe Navarro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.