Un panel interactivo amosa ás persoas visitantes múltiples aspectos das telecomunicacións

atlanTTic abre as súas portas organizando unha xornada virtual
Publicado por o día 07/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Un panel interactivo amosa ás persoas visitantes múltiples aspectos das telecomunicacións

xornada de portas abertas é unha das citas máis relevantes para o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, xa que nelas pode amosar o seu traballo á sociedade. Pero este ano, a covid-19 obrigou a reinventar este tipo de eventos e para esta ocasión o centro organiza unha xornada que se desenvolverá desde hoxe luns e ata o vindeiro domingo de maneira virtual.

Durante unha semana as persoas visitantes poderán coñecer máis a fondo a actividade investigadora que se leva a cabo no centro, descubrir curiosidades relacionadas con diversos aspectos das telecomunicacións e resolver todas aquelas dúbidas que lles poidan xurdir sobre eles. As xornadas están pensadas para todo tipo de público e pódese ‘asistir’ a través da web e das redes sociais do centro.

#atlanTTicAberto20, unha ventá ás telecomunicacións

Na plataforma virtual padlet.com/atlanttic/atlanTTicAberto20 e nas redes sociais de atlanTTic difundiranse as diferentes actividades e as principais liñas de traballo do centro, principalmente aquelas que parecen estar moi afastados da sociedade, pero que, pola contra teñen un impacto directo na vida diaria da poboacións. Trátase de proxectos relacionados coa privacidade e a seguridade, as tecnoloxías multimedia, as redes de datos, os e-servizos, a bioenxeñería, o radar, as comunicacións por satélite ou as comunicacións radio e ópticas. As novidades das xornadas poderán seguirse baixo o cancelo #atlanTTicAberto20.

Ademais de ofrecer resposta a unha chea de curiosidades científicas, haberá un concurso aberto a toda a cidadanía no que se premiará a orixinalidade das persoas participantes coas súas preguntas ás investigadoras e investigadores, e sortearanse dúas tabletas electrónicas. Os premios terán dúas categorías, unha para o público infantil e outra para o adulto.

Esta actividade está cofinanciada pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Comentar noticia

Your email address will not be published.