Un proxecto internacional para fomentar a aprendizaxe baseada en problemas

Trata de mellorar a calidade da educación ao proporcionar contextos docentes máis motivadores
Publicado por o día 29/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Un proxecto internacional para fomentar a aprendizaxe baseada en problemas

Atrás quedaron as clases maxistrais, o papel pasivo do alumnado e a memorización como técnica de aprendizaxe. As universidades levan anos traballando en novos modelos educativos, prácticas académicas innovadoras e implantación de novas tecnoloxías aplicadas á docencia. Unha desas iniciativas é o proxecto ADLES (Active Digital Learning Environments in Schools), unha proposta internacional que a Universidade de Vigo impulsa conxuntamente con outras institucións de Italia, Grecia, Reino Unido, Dinamarca, Portugal e Turquía para o desenvolvemento da metodoloxía ABP (Aprendizaxe Baseado en Problemas). Este mércores os socios reuníronse no campus de Vigo nun evento multiplicador ao que asistiron tamén estudantes e docentes do IES Parga Pondal de Carballo e o IES Politécnico de Vigo. En total, unhas 60 persoas para facer unha posta en común e avaliar o traballo realizado dende que arrancou o proxecto en setembro de 2017.

Na apertura da xuntanza, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, destacou a importancia de apostar por innovación pedagóxica e docente dende o eido da tecnoloxía e a enxeñaría, polo que felicitou aos impulsores de ADLES, “polo seu compromiso coa educación e polo traballo colaborativo”. O proxecto, de dous anos de duración, conta coa participación, xunto coa UVigo, da escola turca de secundaria Hayme Ana Mesleki ve Teknik Anadolu Lisesi, a University of Thessaly, de Grecia, a University of Central Lancashire, Aalborg University, a empresa portuguesa Virtual Campus e IKAROS Formazione, de Italia. O obxectivo, explica o profesor da EE de Telecomunicación e coordinador da iniciativa, Martín Llamas, “é crear contornas que faciliten a aprendizaxe activa a través da ABP”. Para isto creouse unha plataforma web que inclúe un conxunto de ferramentas dixitais, como xogos ou simulacións, que permitirán aos estudantes experimentar, colaborar e comunicarse nunha comunidade de aprendizaxe estendida e multinacional, ao tempo que desenvolven activamente as competencias persoais e sociais.
Precisamente, a participación nesta xornada do alumnado dos dous institutos responde á necesidade de testar o funcionamento desta plataforma en liña, actividade que desenvolveron da man dos tamén docentes da EE de Telecomunicación, Fernando A. Mikic e Manuel Caeiro. A vicerreitora remarcou a importancia das súas achegas avaliando a plataforma web, “xerando un feedback que axudará a mellorar estas ferramentas”.

Mellorar a preparación do alumnado

A finalidade deste proxecto europeo é mellorar a calidade da educación ao proporcionar contextos de aprendizaxe máis motivadores, estimulantes e efectivos deixando atrás as metodoloxías tradicionais baseadas na transmisión pasiva de información que non potencian as competencias que precisa o alumnado para continuar con éxito a vida académica ou dar o paso ao mercado laboral, como explican os investigadores implicados. “A ABP xera unha serie de melloras no pensamento crítico, lateral, creativo, a motivación ou a resolución de problemas, e ese é o noso principal obxectivo dentro do proxecto ADLES”, destacaba Llamas. Trátase de apostar por integrar métodos de aprendizaxe novos e innovadores asegurando estudantes mellor preparados, activos, autónomos, independentes, innovadores e que asuman riscos; fomentar a mellor práctica e o intercambio de coñecementos entre socios; desenvolver novas e innovadoras formas de utilizar as TIC en educación e, en particular, atopar novas formas de motivar aos estudantes, darlles competencias en creatividade e innovación, reforzar a resolución de problemas, desenvolver o traballo en equipo e as habilidades de colaboración e, en xeral, mellorar a eficiencia da educación escolar.

Unha plataforma web e 36 problemas, de momento…

Os responsables do proxecto explican que como resultados concretos, ADLES debe xerar unha metodoloxía validada de aprendizaxe activo empregando a ABP para escolas secundarias e vocacionais, así como a plataforma de ABP en liña, xa creada, que dá respaldo a esa metodoloxía a través da produción, almacenamento, uso compartido e reutilización dos problemas e desafíos que se empregan. Paralelamente están a traballar nun conxunto de 36 problemas baseados en simulacións e xogos integrados na plataforma coas correspondentes pautas pedagóxicas que demostran como usar a plataforma ABP, aínda que o profesor Llamas remarca que esta cifra seguirá a crecer.