Un punto de encontro para debater sobre políticas alimentarias para a sustentabilidade

Mantén as datas previstas, 2 e 3 de xullo, pero adáptase á modalidade virtual
Publicado por o día 07/05/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Un punto de encontro para debater sobre políticas alimentarias para a sustentabilidade

Segundo a FAO, unha alimentación sustentable provoca un impacto ambiental reducido, contribúe á seguridade alimentaria e nutricional e axuda a que tanto as xeracións actuais como as futuras leven unha vida saudable. Pero ademais, tamén axuda a protexer e respectar a biodiversidade e os ecosistemas, é culturalmente aceptable, accesible, economicamente xusta e nutricionalmente adecuada, inocua e saudable, e optimiza os recursos naturais e humanos. Tendo en conta estas indicacións da FAO, os expertos remarcan que as accións locais para unha alimentación sostible que se están a desenvolver deben subir un chanzo e converterse en comunitarias e institucionais para acadar estes obxectivos. Neste salto necesario do local ao global centrarase a oitava edición do Congreso Internacional de Agroecoloxía que se celebrará entre os días 2 e 3 de xullo. A cita estaba prevista no campus de Vigo, pero a crise da COVID-19 obrigou ao grupo de investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo, organizadores do simposio, a optar pola modalidade en liña.

Deste xeito, empregarase a plataforma de aprendizaxe virtual da Universidade de Vigo, que como explican os organizadores, “non require instalar ningún software, nin dar datos persoais e é útil e áxil para realizar aprendizaxe a distancia e tamén o será para debater sobre agroecoloxía e o sistema alimentario”. Nesta situación excepcional, remarcan dende a organización, “diante da pandemia sanitaria, moi conectada coa natureza depredadora do sistema económico industrialista, as propostas campesiñistas, de agricultura familiar, de agricultura orgánica e rexenerativa, de circuíto curto, de baixo impacto ambiental, como son as que defende a agroecoloxía, fanse máis necesarias. Non podíamos deixar pasar a oportunidade de colaborar para construír un novo sistema alimentario e un novo sistema económico”.

No congreso, no que colabora o Núcleo Agroecológico da Universidade Federal Rural de Pernambuco (Brasil), daranse cita investigadores, representantes de asociacións e cooperativas, profesionais do sector, etc. para tratar de establecer unha liñas xerais para atopar solucións políticas que axuden a acadar un sistema alimentario sostible. A organización conta xa con 150 persoas inscritas e máis de 70 ponencias, tanto científicas como experiencias, de máis de dez países. Os prazos tamén se ampliaron, de modo que a data límite para enviar resumos amplíase ata o 15 de maio; para enviar os textos completos, ata o 1 de xuño e para mantense como taxa de inscrición a cota reducida de 90€ para a ordinaria e 30€ para estudantes e persoas desempregadas.

Mudar o sistema alimentario

Segundo os organizadores do simposio, o actual modelo alimentario xa non é válido e provoca “graves problemas sanitarios, con millóns de persoas subalimentadas malia producirmos máis alimentos dos que nunca antes na historia”. Tamén sinalan os riscos ambientais e sanitarios globais e “un potencial destrutivo enorme, xa que moitos territorios rurais están a sufrir abandono e riscos ambientais malia posuír un alto potencial alimentario converténdose en “desertos alimentarios”.

Neste contexto, o investigador principal do grupo, Xavier Simón, explica que “o principal reto é deseñar políticas alimentarias que abracen a sustentabilidade; isto significa ir máis aló dun ámbito sectorial, deixando atrás as políticas estritamente agrarias ou gandeiras. É necesario deseñar estratexias de gobernanza que teñan en conta todos os ámbitos vinculados coa alimentación, e non so a produción de alimentos ou o consumo, de forma separada e independente”. Lembra que xa existen comunidades locais que colectivizaron as súas decisións de produción, consumo e xestión de residuos e mesmo hai ámbitos institucionais, sobre todo locais, que apostaron por compras responsables de alimentos, polo que avogan por aproveitar esas experiencias para “escalar as novas iniciativas, superando os ámbitos locais e, neste contexto, as novas políticas alimentarias convértense tamén nun elemento clave”.

Nove áreas temáticas e Steve Gliessman como orador principal

O congreso artellarase arredor de nove áreas temáticas relacionadas coas políticas alimentarias para a sustentabilidade, tanto dende a dimensión política, como dende a dimensión socioeconómica e a técnico-produtiva. Así, abordaranse temas como as políticas públicas para escalar as iniciativas agroecolóxicas, a gobernanza do sistema alimentario, as institucións públicas como demandantes de alimentos, as novas formas de coñecemento e de propiedade para a sustentabilidade, o papel da ética, epistemoloxía e educación para a agroecoloxía, os feminismos e a agroecoloxía, o manexo agroecolóxico de sistemas agro-gandeiros e forestais, as estratexias para a conservación da biodiversidade e a cadea agroalimentaria, distribución, conservación e residuos alimentares.

O agroecólogo Steve Gliessman será o orador principal desta oitava edición do congreso, un experto cunha longa traxectoria que foi quen de integrar ciencia, práctica e activismo social. Doutor en ecoloxía vexetal pola Universidade de California, foi director e fundador do Programa de Agroecoloxía da Universidade de California en Santa Cruz e profesor de historia natural, etnobotánica e agroecoloxía no Departamento de Estudos Ambientais da mesma universidade. As súas investigación centráronse na transición a sistemas de produción ecolóxicos e sostibles durante máis de 30 anos, traballando en América Latina durante décadas e co-fundando a Rede de Agroecoloxía Comunitaria sen ánimo de lucro. Ademais, xunto coa súa familia produce  uva ecolóxica para viño e aceite orgánico. No congreso presentará un relatorio titulado Agroecoloxía: unha historia de resistencia aínda en proceso.

Ao longo dos dous días presentaranse comunicacións científicas e experiencias innovadoras e terán lugar tamén cinco mesas de debate sobre diferentes aspectos relacionados coa sustentabilidade alimentaria, como a alimentación nas empresas; o papel da agroecoloxía fronte ao aumento dos totalitarismos; as mulleres e o feminismo na agroecoloxía; a gandaría extensiva e o seu papel na transición e os criterios para o deseño e avaliación das políticas públicas agroecolóxicas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.