Unha panorámica aos recursos que a rede achega ao mundo educativo

Aberto a toda a cidadanía e con matrícula gratuíta, a inscrición permanece aberta na plataforma Bubela
Publicado por o día 08/05/2018 na sección de Universidade de Vigo

Unha panorámica aos recursos que a rede achega ao mundo educativo

Realizar un percorrido polos múltiples recursos existentes na rede que poden ter unha aplicación nas aulas de calquera nivel educativo ou no traballo do propio docente é o propósito central do curso Iniciación a recursos web para a educación, que, entre o 21 de maio e o 11 de xuño, se desenvolverá na Casa das Campás e que mantén aberta a súa inscrición, de carácter gratuíto, na plataforma Bubela. “A idea é dar unha serie de pinceladas de diferentes recursos dun xeito ameno e práctico”, sinala o docente Isaac Gómez, responsable de impartir un curso que, aínda que aberto a todas as persoas interesadas ata completar aforo, está principalmente dirixido a persoal docente de todos os niveis educativos e alumnado de Ciencias da Educación.

“As tecnoloxías son unha realidade nas nosas vidas, os rapaces e rapazas de hoxe nacen cunha tableta ou cun acceso a internet baixo o brazo”, salienta Goméz Figueroa, profesor de Primaria de pedagoxía terapéutica e educación física, formador nos Centros de Formación ao Profesorado e técnico superior en desenvolvemento de aplicacións informáticas, dun curso nace, como recoñece, da súa propia experiencia, “do que fun probando cos rapaces, do que utilizo na aula e como o utilizo…”. De aí que a clave sexa deste curso de 12 horas, estruturado en catro sesións, sexa achegar ao alumnado “un amplo abano de ferramentas” para que logo poidan profundar nas que consideren de maior utilidade en cada caso.

Da contorna de aprendizaxe á opcións para un ensino máis inclusivo

Estruturado en cinco bloques, o programa deste curso abrangue en primeiro termo un achegamento ao papel das TIC na educación e ás potencialidades de internet como medio educativo, como, por exemplo, a posibilidade de desenvolver proxectos colaborativos ou as opcións de “accesibilidade para aquelas persoas con necesidades educativas especiais”, como lembra este docente especializado en TDAH e altas capacidades, que pon así mesmo o acento no que as novas tecnoloxías poden supor á hora de incrementar a motivación do alumnado.

A partires dunha contextualización teórica inicial, a actividade caracterizarase polo seu enfoque práctico no que os e as asistentes irán coñecendo e probando diferentes recursos, por exemplo, para o desenvolvemento dunha contorna persoal de aprendizaxe (PLE), a posibilidade de xerar “unha contorna propia na que ter os diferentes recursos e aplicacións”. Un terceiro bloque centrarase, entre outros, no paquete de ferramentas de Google Education e nas súas posibles aplicacións a diferentes niveis, para logo abordar tamén neste taller o uso do blog como ferramenta educativa. Xa por último, o programa do curso complétase cunha ollada a diferentes ferramentas web para estudantes con necesidades educativas especiais.