Vigo acollerá en novembro sete novas accións formativas do programa “SmartPeme”

Están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades
Publicado por o día 04/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

A Deputación de Pontevedra programou para este mes de novembro sete novas accións formativas do programa “SmartPeme” en Vigo. Estas sesións están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade.

Deste xeito, “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

Así, os cursos que se impartirán desde o 5 ata o 26 de novembro serán os seguintes: Crea as túas Fotografías para a Campaña de Nadal, que se desenvolverá o martes 5 de novembro de 19 a 21 horas; Xestión e Comercialización de Vivendas e Apartamentos Turísticos, que será o xoves 7 de novembro de 17 a 19 horas; Crea a túa Tenda en Liña con Prestashop, programado para o martes 12 de novembro entre as 18 e as 21 horas; Crea un Plan de Marketing para a Campaña de Nadal, que se realizará o xoves 14 entre as 19 e as 21 horas; Iniciación ao SEO I: Conceptos, Palabras Clave e Primeiros Pasos, o martes 19 de novembro de 19 a 21 horas; Experiencias SmartPeme: Rara Avis Tocados, que se desenvolverá o xoves 21 de novembro de 19 a 21 horas; e, finalmente, Iniciación ao SEO II: Optimiza a túa Páxina Web para Gañar Visibilidade, que será o martes 26 de novembro de 19 a 21 horas.

Estes obradoiros serán impartidos na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (rúa Oporto, 3). As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer a través número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico [email protected] ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal. Ademais, o programa formativo SmartPeme estrea Twitter (@smartpeme) e Facebook (SmartPeme).