Vigo celebra un Día de Galicia marcado polo Covid e con homenaxe a Ennio Morricone

O Concello conmemora na tarde deste xoves o Día de Galicia nos xardíns do Pazo de Castrelos, acto que poderá seguirse na web do Concello dadas as limitacións de aforo polo Covid-19. Xunto ao discurso do alcalde, o pregón correrá a cargo do xurista Cándido Conde Pumpido e a orquestra Vigo 430 interpretará, entre outras, unha peza do compositor Ennio Morricone, recentemente falecido.
Publicado por o día 23/07/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Vigo celebra un Día de Galicia marcado polo Covid e con homenaxe a Ennio Morricone

“Gústame que as festas e conmemoracións da cidade sexan de entrada libre pero esta vez non podemos facelo”, explicou Abel Caballero, debido á pandemia. Así, o acto aberto que tradicionalmente organiza o Concello será este ano con invitación e limitado a un aforo de 300 persoas, pero poderá seguirse en directo desde as 20 horas a través da web do Concello (www.vigo.org)

O acto contará cun cuarteto da orquestra Vigo 430, que interpretará ao inicio o primeiro movemento do cuarteto nº 12 “americano” de Antonin Dvorak. As intervencións correrán a cargo do alcalde de Vigo e do xurista Cándido Conde Pumpido, encargado este ano do bando do Día de Galicia.

Antes do tradicional himno galego co que se pecha a celebración, o cuarteto da formación musical tocará “O oboe de Gabriel” de “La misión”, unha peza do recentemente falecido Ennio Morricone: “Faremos a nosa propia homenaxe particular en Vigo a este colosal compositor”, concluíu Abel Caballero.