A Xunta convoca os premios á cooperación e o certame cooperativismo no ensino para promover a economía social

Os Premios á Cooperación 2018 recoñecerán o mellor proxecto cooperativo novo, a mellor traxectoria cooperativa e a empresa que destaque no impulso aos valores e principios cooperativos
Publicado por o día 21/01/2018 na sección de Educación

A Xunta convoca os premios á cooperación e o certame cooperativismo no ensino para promover a economía social

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar este ano unha nova edición dos Premios á Cooperación e do Certame Cooperativismo no Ensino co obxecto de fomentar e difundir os valores e principios cooperativos, así como o labor que realizan as entidades galegas pertencentes a este sector. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o venres as bases das dúas iniciativas ás que se poderán presentar as solicitudes ata o día 30 de abril.

Os Premios á Cooperación teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recoñecer publicamente o labor que as cooperativas galegas realizan a favor do desenvolvemento deste sector.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria outorgará tres premios: aos valores cooperativos; ao mellor proxecto cooperativo novo; e á traxectoria cooperativa. Cada unha das categorías será galardoada con 5.000 euros.

O premio aos valores cooperativos outorgarase á empresa que máis teña destacado no impulso dos valores e principios cooperativos. Os principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional son a adhesión voluntaria e aberta; a xestión democrática por parte dos socios; a participación económica dos socios; a autonomía e independencia; a educación, formación e información; a cooperación entre as cooperativas; e o interese pola comunidade. Pola súa banda, os valores cooperativos son a axuda mutua; responsabilidade; democracia; igualdade; equidade; solidariedade; e transparencia.

O premio ao mellor proxecto novo será para a cooperativa que na data de publicación da convocatoria teña unha antigüidade igual ou menor a 42 meses e que destaque nas súas achegas nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais.

Por último, o premio á mellor traxectoria concederase á compañía que na data de publicación teña unha antigüidade maior de 42 meses e que teña destacado pola súa traxectoria no ámbito económico e social.

Cooperativismo no Ensino

Pola súa banda, o certame Cooperativismo no Ensino está dirixido a promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de Educación Infantil, Primaria, Secundaria obrigatoria, Educación Especial, Formación Profesional e de Ensinanzas de Réxime Especial de Galicia impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nestes centros educativos. No desenvolvemento destas actuacións, os alumnos e alumnas deberán potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo.

Outorgarase un premio e un accésit nas seguintes categorías: actividades artísticas como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías e/ou vídeos dirixidas ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial; actividades cooperativizadas para os centros de Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Especial; e proxectos empresariais para os centros de Formación Profesional e de Ensinanzas de Réxime Especial.

Como novidade este ano increméntase as contías dos galardóns. En total estes premios contarán cunha dotación económica de 28.000 euros, un 12% máis que na edición anterior.

Os centros premiados nas categorías artísticas e actividades cooperativizadas recibirán 2.500 euros, fronte aos 2.000 euros do pasado ano, que terán que ser destinados á compra de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, ou á celebración dunha actividade formativa, cultural, deportiva dirixida ao alumnado do centro. A Consellería tamén repartirá un accésit por cada categoría dotado con 1.500 euros (o pasado ano era de 1.000 euros), unha cantidade que terá que utilizarse tamén para os fins detallados. Poderanse acumular os importes dos distintos premios no caso de que o centro resulta gañador de máis dun premio.

Na modalidade de proxectos empresariais, a mellor iniciativa recibirá un premio de 4.500 euros, ao igual que na edición anterior, que se repartirá entre o alumnado que elaborou a iniciativa premiada. O accésit nesta categoría é de 2.500 euros e se outorgará ao proxecto finalista.

Código de boas prácticas

Por outra banda, tamén no ámbito da economía social, vén de publicarse o código de boas prácticas nas sociedades cooperativas galegas, que foi elaborado polo Centro de Estudos Cooperativos, co apoio da Xunta, e aprobado polo Consello Galego de Cooperativas. Trátase dun instrumento co que se pretende dar resposta á globalización dos mercados e da competencia, que supón para as cooperativas unha adaptación e definición de novas estratexias, mediante a creación das súas propias redes de abastecemento, produción e distribución nos principais mercados internacionais, co fin de incrementar a competitividade e a súa integración nestes mercados.

Este código constitúe un sistema de autorregulación polo que se establecen os principios e regras que rexerán a actuación e relación das cooperativas que se adhiran a el para cos seus membros, persoal traballador e outros operadores do ámbito da súa actuación como clientes, provedores ou administracións públicas.

As sociedades cooperativas galegas poden adherirse libre e voluntariamente a este código de boas prácticas, adquirindo o compromiso de dar cumprimento aos principios que rexerán tanto a súa actuación interna, como as súas relacións con terceiros no desenvolvemento da súa actividade, no marco do compromiso de responsabilidade social cooperativa.

Aquelas cooperativas que decidan adherirse, poden comunicalo a través da web economiasocial.emprego@xunta.gal, nun modelo incluído como anexo no propio código de boas prácticas. Levarase a cabo un rexistro das entidades adheridas, ao que se dará publicidade co obxectivo de dar máis visibilidade ás cooperativas que asuman este compromiso de responsabilidade e transparencia.

En definitiva, esta iniciativa, que apoia a Consellería de Economía, Emprego e Industria, destaca unha serie de principios e regras que pretenden ser aplicables tanto no ámbito das relacións internas das sociedades cooperativas como nas súas relacións con terceiros co obxectivo de mellorar a súa reputación e resultados.