A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria ante o protagonismo da Atención Primaria

Publicado por o día 11/02/2019 na sección de Sanidad,Galicia,Vigo

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria ante o protagonismo da Atención Primaria

Asistimos desde hai uns meses a un crecente e insólito protagonismo da Atención Primaria (AP) nos medios de comunicación. É evidente que somos noticia polas grandes mobilizaciónsdimisións en bloque de xefes de Servizo en Vigo, debates, paros nos centros de saúde, comisións parlamentarias, declaracións institucionais da administración con chamadas á colaboración, etc. Isto tamén deu lugar a explosión de opinións de persoas con valoracións e, ás veces, coñecemento da AP moi diferente e contraditorio.

É posible que arrastremos un atávico estigma de mediados do século pasado que algúns non logran superar. Aquela era unha época na que os médicos que se especializaban e exercían a profesión en centros hospitalarios adquirían prestixio e os que non o facía quedaban relegados aos pobos e vilas sen a aureola de fama dos primeiros, aínda que co recoñecemento e agarimo dos seus paisanos. Esta rémora que arrastramos vémola ata no exame MIR! Repasando as 250 preguntas tipo test cal non sería a miña sorpresa que a única que fai referencia ao médico de familia é para poñer de relevo que unha proba diagnóstica está mal indicada. Debemos ser os únicos que, coas poucas probas que podemos solicitar, aínda non o facemos tan ben como outros especialistas…O certo é que hoxe a medicina de familia é unha especialidade máis, quizais das máis complicadas pola amplitude de coñecementos e competencias que abarca e ninguén pon en dúbida a calidade da formación e preparación das nosas residentes. Sorprende a afirmación ao contraxeito do decano da facultade ao afirmar que a especialidade “nos saíu mal”. Ese plural mayestático propio da institución non significa, por sorte, protagonismo no desenvolvemento da nosa especialidade e explica o desafecto da facultade cara á medicina de familia. A realidade contradi esa afirmación: os nosos mozos médicos de familia, tamén maltratados pola administración sanitaria, son recibidos, na súa fuxida, cos brazos abertos en calquera país da unión europea desde Portugal a Suecia. Son contratados nos servizos de urxencias, tanto de hospital como PACs, no 061, nas unidades de Hospitalización a domicilio, mutuas, e por suposto en todos os nosos centros de saúde. Menos mal que nos saíu mal! Se saíse ben é posible que tivésemos que eliminar o resto de especialidades…Sendo serios é innegable o cambio que produciu na nosa paisaxe sanitaria a aparición da nosa especialidade e o seu desenvolvemento, ampliando cada vez máis as súas competencias desde a cirurxía menor á ecografía, desde a atencion á infancia e adolescencia aos coidados paliativos, desde os programas da muller, á atención aos pacientes crónicos e así ata un longo etcétera.

Que pasou para chegar á situación de crise? Varias foron as causas, desde o envellecemento da poboación e a maior complexidade dos pacientes, ás maiores expectativas no sistema sanitario unido á hipermedicalización e as múltiples (e inútiles na súa maioría) tarefas burocráticas que non recibiron apoio material e humano; e seguímolo realizando maioritariamente os médicos, o que nos resta tempo para dedicarnos ás tarefas que, de verdade, achegan valor ao acto médico. A competencia en financiamento cos hospitais tamén nos volveu máis pobres. É unha historia de crise de crecemento como a dos dinosauros: demasiado volume e segue a mesma cabeza…

Os tempos cambian e debemos reformularnos verdades e organizacións para responder as necesidades da poboación, verdadeiro obxectivo da asistencia sanitaria, que non debemos confundir coa demanda, que é sempre infinita, e obríganos a ordenala e priorizala en función da súa xustificación clínica. É tarefa de todos colaborar neste reto: Os médicos, as asociacións científicas, os pacientes e a administración, esta última sempre a maquinaria con mais inercia de todas á que debemos mobilizar na boa dirección. Nese transo achámonos.