A CIG denuncia a Xunta na Inspección pola falta de negociación e planeamento preventivo contra a Covid19

O Goberno remitiu antes aos medios que á representación social o protocolo de reincorporación do persoal
Publicado por o día 06/05/2020 na sección de CIG,Coronavirus,Sindicatos

A CIG denuncia a Xunta na Inspección pola falta de negociación e planeamento preventivo contra a Covid19

A Xunta de Galiza négase a convocar os comités de seguridade e saúde laboral e a facer as avaliacións de riscos laborais co risco biolóxico á COVID19, a pesar de que xa está a preparar a volta ao traballo dos servizos non esenciais. O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de presentar denuncia na Delegación Territorial da Inspección de Traballo e SS pola falla de negociación e planeamento preventivo para afrontar con seguridade esta volta ao traballo.

Co comezo da crise sanitaria pola Covid19, e xa antes de que se decretara o estado de alarma, dende a CIG Autonómica solicitouse de xeito reiterado a convocatoria urxente dos comités de seguridade e saúde laboral na Xunta de Galiza para tratar as medidas preventivas ante o coronavirus. Estes órganos, explica a secretaria nacional do sector, Zeltia Burgos, son os encargados de impulsar a saúde e a seguridade no traballo e vixiar a aplicación da Lei de Prevención de Riscos Laborais.

500 centros de traballo e 20.000 empregadas/os

Porén, a Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza enviou na  tarde de onte un Protocolo polo que se establece a reincorporación do persoal empregado público ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte á Covid19, “que foi remitido á prensa e anunciado por Núñez Feijoo na Conferencia de Presidentes antes de presentalo e, moito menos negocialo, coa representación do persoal”.

Burgos aclara se que trata dun documento xeral que non ten en conta as especificidades de máis de 500 centros de traballo diferentes e 20.000 persoas empregadas públicas “polo que é máis un documento de “desescalada”, que non pode substituír o traballo do Servizo de Prevención de Riscos Laborais nin as avaliacións de riscos laborais co risco biolóxico á COVID19”.

Neste senso, a secretaria da CIG-Autonómica lembra que tanto a chamada “desescalada” como a actividade preventiva ten que ser negociada mais, a día de hoxe, “as organizacións sindicais non tivemos a primeira negociación nin no marco dos comités de seguridade e saúde laboral nin na Mesa Xeral de Empregadas e Empregados Públicos”. Por o exemplo da Administración do Estado, onde xa houbo unha intensa negociación na que se recolleron parte das demandas sindicais e que culminou coa sinatura dun acordo este mesmo luns. “Unha actitude radicalmente diferente á da Xunta de Galiza”, valora.

Teletraballo e medidas preventivas

“En conclusión, parece que a intención da Xunta co seu persoal é aforrar a actividade preventiva cun documento de 20 follas”, critica Burgos. Para a CIG é prioridade aumentar até límites máximos o teletraballo, que xa se demostrou que funciona, e o establecemento de medidas preventivas elaboradas por técnicos/as en prevención de riscos laborais “dentro dun planeamento por centro e posto”, tal e como sinala a Lei de Prevención de Riscos Laborais e o propio DECRETO 17/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de prevención de riscos laborais na Administración xeral da Xunta de Galiza.

“Que seguridade van ter as e os inspectores de Saúde Pública e o persoal de campo, como van traballar as e os bombeiros forestais ou cal vai ser a organización preventiva nunha oficina de emprego ou agraria comarcal, por exemplo, ten que quedar definido”, reitera.

Porén, a estas alturas, agás os centros sociais residenciais da Consellería de Política Social, “non hai ningún planeamento preventivo para protexer o persoal perante o risco laboral que supón a infección do coronavirus”. Avaliación que, apunta, se elaborou a causa dos requirimentos da Inspección de Traballo.

ERTE en Cualtis

“Na CIG preguntámonos de novo se esta falla de interese ten por obxectivo intentar amparar o ERTE de Cualtis, que é o servizo de prevención alleo que ten encargadas estas funcións. A semana pasada presentamos un escrito á Consellería de Vicepresidencia, Presidencia e Administración Públicas e Xustiza preguntando como estaba a afectar o ERTE ao traballo na prevención de riscos laborais e na vixilancia da saúde e aínda hoxe non tivemos resposta”, conclúe.

Comentar noticia

Your email address will not be published.