A CIG-Ensino rexeita o “PIN parental” e a censura educativa

Defende a liberdade de cátedra e exixe respecto pola coeducación e a igualdade
Publicado por o día 20/01/2020 na sección de Educación,CIG,Sindicatos

A CIG-Ensino rexeita o “PIN parental” e a censura educativa

Os prexuízos e a deriva reaccionaria dunha parte da sociedade, avivada por discursos xenófobos, homófobos, machistas, clasistas ou empapados de auto odio a todo o que sexa ou soe a galego, teñen dado cumpridas mostras de como organizacións políticas, grupos de presión, medios de comunicación e finalmente gobernos, promoven a discriminación de quen non pensa como eles. Pretenden (e en ocasións conseguen) coartar a liberdade de cátedra do profesorado e mesmo o desenvolvemento curricular legalmente estabelecido ou perverter a norma para controlar ao seu antollo a educación.

O PIN lingüístico chegou antes

Así o denuncia a CIG-Ensino, que lembra que en Galiza tivemos unha boa mostra disto no ano 2009, cando se armou unha campaña que introduciu conceptos como o da “imposición del gallego” pola aplicación dun decreto que estabelecía, nada máis e nada menos, a igualdade entre o galego e o castelán na distribución das horas de docencia, en cumprimento dun Plan de Normalización que partira do consenso previo das forzas políticas do Parlamento.

Aquela campaña, á que se sumou o Partido Popular de Feixoo, foi un dos arietes usados para a campaña electoral que levou de volta ao PP á Xunta de Galiza. O decreto mal chamado de plurilingüísmo aprobado xa con Feixoo no poder, implicou a aplicación legal do negacionismo da igualdade do noso idioma, reducindo a súa presenza nas aulas, prohibíndoo en determinadas materias e pervertendo o uso de palabras como “liberdade” ou “libre elección”.

A decisión non quedou nas mans das familias, como pretendía enmascarar Feixoo mais a norma quedou para cumprir o seu cometido: desmantelar o noso idioma.

Ultracatólicos e extrema dereita como arietes contra a igualdade

Esas mesmas expresións agroman de novo en campañas promovidas por grupos ultracatólicos e reaccionarios como “Hazte Oír” ou organizacións da extrema dereita como VOX que envían cartas aos centros e ás familias promovendo o que denominan “PIN parental”, que non é outra cousa que unha censura previa sobre a participación do alumnado en actividades complementarias dos centros.

Unha censura que atenta contra o propio dereito do alumnado a recibir unha educación baseada nos principios democráticos e igualitarios que o profesorado e outros profesionais desenvolven nos centros en aplicación duns currículos oficiais.

Cando un pai ou unha nai pretenden que o seu fillo non sexa escolarizado en galego ou catalán, cando consideran que recibir información sobre identidade sexual ou os diferentes modelos de familia pode “trastornar” á súa filla, están violentando a formación desta. Os seus prexuízos ideolóxicos colócanse por diante dos dereitos do seu fillo.

Cando un goberno lexisla partindo deses prexuízos e posicionamentos reaccionarios atenta contra unha educación verdadeiramente libre na que se debe fundamentar o noso traballo diario como docentes e o futuro dunha sociedade aberta, plural, crítica e igualitaria.

Coa mesma argumentación que unha familia reaccionaria pon en cuestión que o seu fillo asista a unha charla sobre identidade sexual ou sobre a prevención da violencia machista, organizada polo propio centro e dentro das actividades complementarias, que son a todos os efectos curriculares, poden denunciar que teñan que aprender os nomes dos ríos (que es eso del Río Texo!) ou dos ósos e partes do corpo en galego (nocello, xeonllo…donde vamos a parar!) ou que hai diferentes tipos de familias e que ser lesbiana ou homosexual, transexual ou cisexual son diferentes realidades que deben ser coñecidas e respectadas.

Defendamos un ensino libre, participativo e democrático

O control curricular, exercido mediante a presión de lobbys, partidos ou todo tipo de organizacións, busca amedrentar o profesorado e cuestionar principios democráticos moitas veces moi feblemente asentados na cidadanía.

Esta fiscalización, segundo denuncia a CIG-Ensino, procura que o profesorado teña as mans atadas e deixe de ser un elemento non só activo senón central e referencial no proceso de ensino-aprendizaxe: é moito máis cómodo que sexamos un elo máis – o último- nunha cadea de montaxe dunha educación condicionada, pechada e nada reflexiva nin crítica.

Un PIN ao profesorado

A demanda deste control parental, que só é un novo exemplo dun control anhelado por estes grupos políticos e de opinión, desvela a intención de controlar e desmantelar o libre exercicio da nosa acción docente. Desprover o profesorado da competencia para o deseño de actividades educativas nos valores esenciais de diversidade, respecto e inclusión, é un paso máis para desprestixiarnos como comunidade, baleirar de contido a práctica docente, menosprezar o noso criterio profesional e debilitar a nosa forza como un  colectivo que é pioneiro nos cambios sociais e no respecto aos valores democráticos.

“Caeriamos nun erro como docentes se non prestásemos toda a atención a esta deriva continuada do intervencionismo ultraliberal e ultraconservador nas nosa aulas e no noso papel como educadoras e educadores”, advirte a CIG-Ensino, que apela a “non ceder diante de calquera tipo de presión que se exerza sobre nós e os nosos centros, sobre as familias e o propio alumnado: defendamos o noso ben máis prezado, a liberdade de cátedra e o seu uso para salvagardar unha educación en valores democráticos e igualitarios”. 

Como xa fixo CIG-Ensino na defensa do uso do noso idioma, “temos diante unha nova campaña ultraconservadora que afrontar, neste caso contra os dereitos das mulleres e da liberdade de identidade sexual; e tamén debemos manter a alerta e a acción”.

A vangarda reaccionaria que representan “Hazte Oír” ou VOX xa ten novos compañeiros de viaxe en Ciudadanos ou o PP. “Xa pasamos a unha seguinte fase. Das cartas noxentas da ultraortodoxia católica enviadas aos centros, sen que a Xunta reaccionase e que o sindicato denunciou publicamente, atopámonos xa coas decisións de diferentes gobernos. Murcia toma a iniciativa e anúnciase que Andalucía ou Madrid poden seguir polo mesmo camiño. VOX apunta e os gobernos do PP disparan”.

Onde está o goberno galego?

Falta por ouvir unha resposta contundente do goberno Feixoo ante esta deriva. Ante esta, a CIG-Ensino pregúntase se vai obedecer os ditados do seu partido en Madrid, na liña que lle marca VOX, vai seguir como até agora, cun silencio calculado e cunha lexislación formalmente garantista que despois non promove nin desenvolve ou vai sumarse a quen defenderemos con todas as consecuencias que a coeducación e promoción da igualdade é un dereito do noso alumnado e unha obriga para o sistema educativo. “Vai potenciar a escasa normativa propia? Vai potenciar e divulgar o Protocolo sobre identidade de xénero? Vaise preocupar minimamente por facer seguimento do Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galiza?”, inquire.

Que facermos como profesorado?

A CIG-Ensino propón responder ás campañas de odio e de medo “coa defensa da nosa profesión, do noso valor como docentes”.

Promover que os centros sexan realmente coeducadores e participar en redes e experiencias colectivas contra a desigualdade de xénero ou a LGBTI-fobia.

Debater, falar, dinamizar os centros no camiño da igualdade.

Coñecer os dereitos do profesorado e defendelos.

Denunciar calquera actuación individual ou colectiva contraria aos principios da coeducación e a igualdade de xénero e de orientación sexual, veña de onde veña.

“Xa sabemos que non nolo poñen doado. Estamos sobrecargados de traballo, de horas de docencia, de burocracia, con ratios elevadas, cunha inspección educativa que pon paus nas rodas do noso traballo e cun goberno que se esquece dos nosos dereitos e da nosa dignificación profesional”, denuncia.

Mais advirte que na loita pola recuperación deses dereitos “debemos manternos firmes e con unidade e a CIG-Ensino non descansará nese cometido. Como profesorado non podemos baixar os brazos fronte á involución. Quérennos apáticos, disciplinadas, executantes. Non lles gustamos reflexivas, colaboradores, en equipas. O profesorado debe defender os seus dereitos e o seu papel como educadores. Defender ambos é defender o mesmo: un ensino mellor para todas e todos, para quen traballamos nel e para quen formamos como cidadanía do futuro”.

ANEXO

Normativa xeral que regula o ámbito da igualdade, violencia de xénero e non discriminación por orientación sexual:

Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes: Ligazón

Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016. Texto consolidado. Ligazón

Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia: Ligazón

Decreto lexislativo 2/2015, 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: Ligazón

Protocolos e Plans

Protocolo da Consellería de Educación sobre identidade de xénero: Ligazón

Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia: Ligazón