A CIG rexeita o novo pacto social porque non garante os salarios, o emprego, nin a protección social á clase traballadora

Estamos ante unha nova reforma laboral que empeora a aprobada polo PP en 2012
Publicado por o día 08/05/2020 na sección de CIG,Coronavirus,Emprego,Sindicatos

A CIG rexeita o novo pacto social porque non garante os salarios, o emprego, nin a protección social á clase traballadora

A CIG rexeita o pacto social de medidas laborais  acadado entre a patronal, UGT, CCOO e o Goberno español por afondar no abuso patronal, “no cheque en branco” para que o empresariado faga o que lle pete, e por non  garantir os ingresos das familias e o mantemento ou recuperación do emprego para as traballadoras e traballadores afectados, sexan indefinidos ou temporais.

Pendente de facer unha valoración máis detallada unha vez se faga publico, do que coñecemos do seu contido “estamos ante unha auténtica e nova reforma laboral, que no canto de derrogar as anteriores, senta as bases dunha versión máis dura e agresiva contra a clase traballadora da que xa existía. Esta é a primeira manifestación da renovación dos Pactos da Moncloa, unha reedición do Pacto Social con todo o que significa imposición de políticas laborais inxustas,  anti-obreiras e de centralismo”, valora o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. Uns pactos dos que ademais de UGT, CCOO e a patronal tamén son partícipes PP e Ciudadanos.

Protéxese o capital e non a clase traballadora

Se na crise de 2008 o discurso que nos impuxeron foi salvar a banca para salvar a economía e con este escusa xustificar o roubo e o saqueo á clase traballadora, na pandemia da Covid19 a versión é salvar as empresas para garantir o emprego. “Cando será a hora de salvar a clase traballadora?”, cuestiona Carril. “Sempre se actúa na dirección de salvar o capital, as grandes empresas, sen que asuman ningún compromiso nin de emprego nin de manter os salarios”.

Se no seu momento a CIG criticou que as garantías de emprego recollidas no Decreto 8/2020 non eran tal e chegaban tarde porque se aprobaron cando xa non quedaba a quen despedir, agora a chamada salvagarda do emprego rebaixase aínda máis, xa que non se considerará incumprida cando o contrato se extinga vinculado a situacións como a xubilación, interinidade, fin de obra ou servizo. O que supón nesta ocasión, en palabras do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “deixar na intemperie a maioría das persoas teñen contratos por obra ou de carácter fixo-dicontinuo”.

Xunto a isto, alerta que manter os ERTE sen derrogar as reformas laborais e das prestacións por desemprego imposta polo PP en 2012, afondan na inxustiza destas medidas. Entre outras cuestións, entenderase por consumido o desemprego a partir do 1 de xullo -aínda que a duración do ERTE sexa maior-, non cobrará o desemprego quen non teña cotizado, e non se evita a caída dos ingresos das persoas no paro que a partir do día 181 da prestación pasan de percibir o 70% da súa base reguladora a tan só o 50%. Polo tanto, a cativa protección por desemprego pasa a ser inexistente.

Ademais, as empresas seguirán decidindo unilateralmente sobre os ERTE: continuidade e ampliación das causas, duración e modalidade que prefiran, sen control público e sen  negociación coa representación sindical, deixando na total indefensión e desprotección os traballadores e traballadoras.

Novo saqueo ás maiorías sociais co apoio entusiasta da Xunta

Pero ademais, estase manobrando para que o custe da crise recaia en exclusiva, unha vez máis, sobre a clase traballadora, con novas  bonificacións fiscais, mantendo a exoneración ás  empresas do pago das cotas á Seguridade Social, que irán a cargo dos orzamentos da Seguridade Social, do SEPE e do Fondo de Garantía Salarial. “É dicir, desvíanse os cartos das traballadoras e dos traballadores para financiar as empresas, sen que estas asuman ningún compromiso de complementar ingresos, reincorporar as persoas despedidas ou  impoñer outras medidas de recorte de condicións laborais e salariais “, alerta Carril.

No mesmo camiño, pero nunha versión máis agresiva, van as propostas  do Presidente da Xunta de Galiza, saídas dese comité de expertos creado ad hoc pola Xunta (facendo un absoluto desprezo dos órganos institucionais existente para estas funcións como o CES ou o CGRL), que avoga por aplicar deducións fiscais na cota do IRPF ou do Imposto de Sociedades.

Novo ataque á Lei Orgánica de Liberdade Sindical(LOLS)

De igual xeito, Carril explica que a creación dunha Comisión Tripartita Laboral para tratar as medidas acordadas é un novo golpe á LOLS, porque xa existen órganos tripartitos institucionais de ámbito estatal, e legalmente  constituídos con atribucións propias nesta materia e que responden á representatividade de cada organización. Así estase vulnerando o dereito á participación institucional que a CIG ten,como organización sindical máis representativa en igualdade de condicións que o resto que teñen esa condición.

Outras políticas son posíbeis e necesarias

O pasado 27 de abril a CIG presentou unha batería de Propostas Laborais no camiño de  introducir cambios legais e aprobar un paquete fiscal para minimizar o impacto da crise da Covid19 na clase obreira e para afrontar de forma xusta o gasto social de todas estas medidas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.