A concesionaria do 061 gasta varios miles de euros en cascos de protección pero equivócase de modelo

Ambulancias do Atlántico mercou material para identificar o persoal en situación de catástrofe sen contar cos delegados/as de prevención
Publicado por o día 19/01/2021 na sección de CIG,Sanidad,Sindicatos

A concesionaria do 061 gasta varios miles de euros en cascos de protección pero equivócase de modelo

Tras o requirimento da CIG en decembro de 2019, Ambulancias do Atlántico-Grupo Orthem, a empresa concesionaria do 061 nas localidades de Vigo, Cangas, Moaña, A Estrada, Silleda e Santiago comezou o reparto de cascos e gafas de seguridade individuais para cada traballador/a, de xeito que non teñan que compartir o seu uso como se viña facendo até o de agora. Sen embargo, ao non contar coa participación dos delegados/as de prevención na adquisición dos equipamentos de protección individual, tal e como esixe a lei, mercouno da cor equivocada (laranxa en lugar de azul) e sen sistema de iluminación.

Lonxe de se tratar dunha cuestión estética, a utilización de cascos da cor incorrecta nun escenario de múltiples vítimas pode provocar un caos organizativo, poñendo en perigo a coordinación e asistencia ante unha catástrofe.

Na actualidade, as instrucións técnicas do 061 para este tipo de situacións especifican claramente que o persoal de enfermería e medicina deben empregar cascos laranxas ou vermellos para identificar os responsábeis da dirección e da clasificación de vítimas, mentres que o persoal técnico en emerxencias empregará cascos de cor azul como responsábeis dunha primeira asistencia e traslado.

Por este motivo, no prego de prescricións técnicas de obrigado cumprimento polas empresas que teñen un contrato co 061 detállase especificamente que as ambulancias de Soporte Vital Básico disporán de dous cascos de cor azul con lanternas frontais adaptábeis que poidan utilizarse mantendo as mans libres.

A rápida identificación por cores resulta fundamental para unha pronta e axeitada actuación en situacións nas que sobre o terreo están misturados gran cantidade de espectadores, pacientes e intervintes de todo tipo. Por iso, de acontecer un incidente con múltiples vítimas a día de hoxe, os integrantes dos servizos de emerxencias non terían xeito de se distinguir entre eles/as, semellando que todos serían persoal de enfermería e medicina.

Ademais, de se producir de noite ou con escasa visibilidade, non poderían empregar as lanternas xa que estas non se suxeitan aos cascos recentemente adquiridos pola empresa filial do Grupo Orthem, tendo que ocupar as mans que se necesitan para as tarefas de asistencia e transporte de pacientes.

Pese a que a empresa Ambulancias do Atlántico non facilitou información sobre a cifra exacta do custe da compra de cascos e gafas de seguridade, pódese calcular que o prezo de mercado deste modelo de materiais dirixido aos máis de 150 técnicos/as en emerxencias que a empresa ten destinados ao 061 en diferentes zonas de Galiza é de aproximadamente 6000 euros.

Obrigada a retirar material de protección en varias ocasións

Pese a que a empresa afirma contar cun experto en ébola con experiencia en catástrofes, esta non é a primeira vez que merca material de seguridade e despois non o pode empregar. En anteriores ocasións adquiriu monos de traballo reutilizábeis que obrigaban o persoal a rociarse con desinfectantes con eles postos. Mesmo chegou a adquirir máscaras e batas lavábeis que non cumprían as condicións mínimas de seguridade e tiveron que ser retirados ao carecer da certificación e homologación necesarias. Mesmo, en ocasións, as fichas técnicas dos equipos de protección non tiñan nin o nome do fabricante.

Dende o inicio da prestación do servizo para o 061, esta empresa caracterizouse por impedir a participación sindical en materia de prevención de riscos laborais coa intención de intentar que os seus delegados/as puidesen obrigar a dirección da empresa ao cumprimento das leis. De feito, xa foi sancionada pola Inspección de Traballo e Seguridade Social de Vigo por este motivo. A liña de traballo da empresa é sempre a de intentar adquirir o material máis barato, a menor cantidade posíbel e o de peor calidade existente no mercado para obter o maior beneficio do contrato que ten co 061 a costa de poñer en perigo a seguridade e a saúde do persoal sanitario.

Comentar noticia

Your email address will not be published.