Dende fai varios anos a Universidade vén desenvolvendo diferentes programas de voluntariado cos que anima á comunidade universitaria a amosar a súa cara máis solidaria. Ás iniciativas máis exitosas, como as organizadas pola Oficina de Medio Ambiente, súmanselle este ano dous novos programas relacionados coa prevención de riscos laborais cos que se buscan persoas dispostas a botar unha man na organización de simulacros de emerxencias na contorna do campus, así como na preparación e actualización de campañas informativas centradas nestas temáticas.
“A gran maioría das persoas que se anotan son alumnos, polo que agora intentamos que se inscriba máis xente do Persoal Docente e Investigador e de Administración e Servizos”, sinala María Teresa Vetoret, xefa da Sección de Extensión Universitaria e responsable directa dos programas de voluntariado. Deste xeito, con estas novas actividades preténdese superar as 57 inscricións nos programas que se ofertaron no campus de Vigo o ano pasado, intentando captar máis voluntarios do persoal da Universidade a través de iniciativas máis pensadas para eles.
Programas comprometidos coa natureza e co alumnado con necesidades especiais
Ademais dos programas de prevención de riscos laborais, este cuadrimestre a oferta de actividades de voluntariado inclúe propostas de distintos tipos. Dos proxectos propios que ofrece a Universidade, os que teñen maior participación son os organizados pola Oficina de Medio Ambiente, onde sobre todo se inscribe alumnado de carreiras científicas como Bioloxía. Nestas actividades, as persoas voluntarias colaboran en diferentes iniciativas de minimización de impactos ambientais, actuando no medio natural do propio campus e axudando a elaborar diversos informes e campañas de sensibilización ambiental.
Máis heteroxéneos son os proxectos de Captación de Novos Estudantes e de Integración de Universitarios con Necesidades Especiais, pois reciben estudantes de titulacións moi diversas. No programa de captación, os voluntarios e voluntarias colaboran en actividades como feiras, charlas ou xornadas de portas abertas nas que contan aos futuros universitarios a súa propia experiencia na Universidade de Vigo e os animan a cursar os seus estudos nesta institución. Por outra banda, no programa de integración os participantes axudan a que o día a día no campus do alumnado con necesidades especiais sexa máis fácil, asesorándoo, na medida das súas posibilidades e de xeito coordinado co Gabinete Psicopedagóxico da Universidade, en actividades pensadas para garantir a igualdade de oportunidades de toda a comunidade universitaria.
Man a man con Cruz Vermella, Amigos da Terra…
Ademais dos programas de voluntariado propios, a Universidade tamén conta con convenios de colaboración con diferentes asociacións e ONGs que permiten a calquera membro da comunidade universitaria participar nos proxectos de voluntariado alleos como os da Cruz Vermella, Amigos da Terra, Aldeas Infantís e os bancos de alimentos, entre moitos outros. De todos eles, os que teñen maior éxito “son aqueles dirixidos a colectivos que se atopan en risco de exclusión social, como discapacitados, persoas maiores ou nenos en situación de pobreza”, destaca Vetoret.
Aínda que a programación das actividades deste cuadrimestre está completa, dende o Servizo de Extensión Universitaria non descartan “engadir outras propostas a partir das peticións da propia comunidade universitaria”, como sinala Vetoret.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.