A Xunta e a UDC ratifican o seu compromiso co impulso da actividade investigadora e co apoio ao talento no laboratorio de combustibles

O Goberno galego destina 356.700 euros a un novo convenio que fomentará a investigación no eido dos produtos petrolíferos e permitirá a realización de controis de carburantes á venda na Comunidade autónoma
Publicado por o día 13/01/2021 na sección de Galicia,Ferrol,Xunta de Galicia

A Xunta e a UDC ratifican o seu compromiso co impulso da actividade investigadora e co apoio ao talento no laboratorio de combustibles

A Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña (UDC) manterán o seu compromiso co impulso da actividade investigadora no Laboratorio de Combustibles (LabCom), situado no Centro de Investigacións Tecnolóxicas de Ferrol, tal e como confirmou esta mañá a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, na visita que realizou ás instalacións.

A directora xeral lembrou e agradeceu a colaboración que, desde o ano 2003, se vén desenvolvendo entre o Goberno galego e a UDC no eido do control da calidade dos produtos petrolíferos que se venden en Galicia, unha mostra do alto compromiso e do grado de consolidación deste proxecto. Tal e como explicou, trátase dunha obriga legal para as comunidades autónomas, pero tamén dunha actividade fundamental para protexer aos consumidores.

Uría explicou que a Xunta destinará, a través dun novo convenio coa UDC, un total de 356.700 euros co obxectivo de fomentar a investigación neste eido e realizar controis de combustibles e carburantes á venda en Galicia. Incidiu na necesidade de que estes mecanismos respondan ás innovacións científicas e tecnolóxicas de cada momento.

Neste sentido, a sinerxía derivada desta colaboración permitiu, ao longo destes 18 anos, a formación continua de persoal; a mellora, continuación e ampliación das súas liñas de investigación; a formación de novos investigadores e profesionais altamente cualificados en materia de ensaios de combustibles; así como a realización de prácticas formativas nunha clara aposta polo talento investigador.