A actriz e xornalista Ana Abad de Larriva vén de gañar o ‘I Premio de Microteatro da Memoria‘ convocado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) coa peza ‘Un biolo na noite’. O xurado destacou a obra entre os 22 traballos presentados pola súa empatía ao abordar a situación das mulleres na guerra e na posguerra en Galicia, así como polos recursos teatrais e o “excelente” tratamento lingüístico.
O galardón foi comunicado á autora na mañá de hoxe pola deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, quen quixo subliñar a calidade e tamén a visión de país, xénero e clase da peza, cuestións que o departamento provincial pon en valor en todas as súas actuacións. Destacou tamén que “esta primeira edición do certame comezou xa cun grande nivel que agardamos manter en próximas anualidades”.
‘Un biolo na noite’ foi presentada baixo o lema ‘Berrar en silencio’ e está baseada en feitos reais: a historia de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui, que logo do golpe franquista -e durante catro anos- viviu agochado nun furado na adega da casa da súa nai María, onde morreu enfermo de tuberculose e onde tivo tamén que ser enterrado en segredo para que a familia non sufrise represalias. O eixo central da peza pretende poñer en valor a figura de María, quen percorría os montes para irlle buscar as menciñasao fillo e vendía roscas na feira para poder mantelo. “Unha homenaxe escénica poética, libre, a unha muller que, como tantas, atravesou a noite en silencio para abrir un biolo no medio da escuridade”, en palabras de Ana Abad.
O xurado, formado polo dramaturgo Ernesto Is, a directora de escena Irene Moreira –en representación da ESAD-, e a escritora e xornalista Eva Mejuto –en representación da Deputación- salientou da obra “o artellamento espacial, vencellando as atmósferas do monte e a natureza coa intriga dramatúrxica e os personaxes nun diálogo áxil e profundo; a sensibilidade e empatía na temática da rede de apoio e afectos que foron as mulleres galegas na guerra e na posguerra, salientando a importancia das súas accións cotiás e subversivas á vez; e o emprego dos recursos teatrais que están fiados cun tratamento lingüístico excelente”.
Ana Abad de Larriva (Vigo) é actriz e dramaturga, titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, e licenciada en Xornalismo pola USC. Gañou o Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais en 2019 con ‘A sombra das árbores’ (publicada na Editorial Galaxia). En 2020 a súa peza ‘Palabra’ foi seleccionada para participar no certame Metro Cadrado do FIOT e a súa peza ‘Mulleres que bailan na néboa’ foi escollida para participar no III Festival de Pezas dun Teatro do Porvir, convocado pola sección de literatura dramática da AELG. Actualmente leva a sección de artes escénicas do Diario Cultural Zeta, na Radio Galega, e é a subdirectora da ‘Erregueté’ (Revista Galega de Teatro). Tamén publica artigos especializados en artes escénicas e exerce a crítica e a análise de espectáculos en diferentes medios. Ademais, é doutoranda en Comunicación (na UVigo) e desenvolve a súa investigación no eido da teoría e da práctica teatral.
Pola súa parte, o ‘Premio de Microteatro da Memoria’ da Deputación e a ESAD naceu co obxectivo de que a xente moza se achegue á Memoria Histórica a través de novos formatos e novas linguaxes máis eficaces na comunicación interxeneracional. Segundo no seu momento afirmou a deputada María Ortega “é fundamental promover a sensibilidade e dar a coñecer os feitos acontecidos no noso pasado dunha maneira crítica, que mozos e mozas saiban como o golpe do 36 truncou todo un porvir de apertura e modernidade, e facelo sendo innovadores e visuais: o microteatro é unha vía non moi explorada aínda”.
Unha vez fallado o certame deste ano, a Deputación e a Esad teñen previsto facer a entrega do galardón a comezos do vindeiro mes de febreiro. Ámbolos dous organismos estudiarán a posibilidade de levar a peza premiada a escena tan pronto como sexa posible.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.