O Balance Anual de Reporteiros sen Fronteiras documenta 65 asasinatos de xornalistas no 2017

Por o 02/01/2018 | Sección: Social
O Balance Anual de Reporteiros sen Fronteiras documenta 65 asasinatos de xornalistas no 2017

O Balance Anual 2017 de Reporteiros sen Fronteiras recolle unha cifra de  65 xornalistas asasinados mentres realizaban o seu traballo, 326 encarcerados, 54 secuestrados e dous desaparecidos. A Press Emblem Campaign eleva estas cifras até 97 traballadores dos medios mortos no que vai de ano.

Reporteiros sen Fronteiras (RSF) vén de publicar o seu Balance Anual 2017 de ataques cometidos contra xornalistas. O balance deste ano mostra que 65 reporteiros foron asasinados mentres realizaban o seu traballo. A meirande parte, cincuenta, eran xornalistas profesionais, mentres que oito eran colaboradores dos medios de comunicación e sete xornalistas-cidadáns.

O número de xornalistas asasinados é un 18% menor que o do ano anterior, e 2017 foi, segundo RSF, o ano menos mortífero para os xornalistas profesionais desde hai 14 años. Con todo, os datos “seguen a ser alarmantes”, advirten en RSF, e a disminución do número de vítimas non atinxe ás xornalistas, posto que se duplica o número de reporteiras asasinadas: dez este ano, fronte ás cinco do 2016.

Ademais, o informe recolle que 326 están encarcerados por exercer o seu traballo (un 6% menos que o ano pasado) e 54 se encontran secuestrados por grupos armados ou criminais (un 4% máis do que ano pasado). Finalmente, dous xornalistas, o paquistaní Samar Abbas e o bangladeshí Utpal Das, están desaparecidos, sen que haxa ningunha noticia deles.

Por outra banda, a organización Press Emblem Campaign (PEC) publicou tamén o seu informe anual, que recolle 97 traballadores dos medios mortos no 2017 en 28 países, un 24% menos que o ano pasado, sendo a primeira vez desde 2008 que a cifra é de menos de 100 xornalistas asasinados.