“Basta Xa! O monte da Guarda é da sua veciñanza!”

Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Galicia,A Guarda,Social

Os 40 veciños da Guarda que compoñen a Plataforma Veciñal de Afectad@s pola Comunidade de Montes da Guarda, se dirixiron a todas as institucións, entidades, asociacións e colectivos, e a todos os veciños que as compoñen, para denunciar publicamente a “gravísima” situación na que se encontra o monte.
 
Nos últimos tres anos case 40 veciños solicitarón a sua entrada na Comunidade da Guarda. A día de hoxe, despois de varias solicitudes e de interpoñer dúas demandas, aínda non conseguiron obter ningunha resposta por parte da Xunta Rectora, dirixida polo seu presidente Manuel Castro Vicente “Lolo” e o seu secretario Celso Juan Rodríguez Fariñas “Fariñas”.
 
Durante estes 3 anos sufriron e foron testemuñas de toda clase de “irregularidades”, “irregularidades” non propias dunha Comunidade de Montes que se diga democrática e transparente, chegando a parecer máis ben un coto privado que unha Comunidade de Montes. É por isto preguntan “que é o que se está a agochar?””Por que non poden ser comuneiros?””Por que nos impiden xestionar o noso monte?”.
 
Este sábado, 16 de xaneiro, está convocada unha Asemblea Xeral Extraordinaria para elixir a nova Xunta Rectora. Que a parte de ser “ilexítima e inxusta” di a plataforma, xa que van faltar case 40 veciños, “aos que se lles denegou a entrada nestes anos” denuncian, tamén esta convocada “fora dos prazos estipulados polos propios estatutos da Comunidade de Montes, polo que tamén é ilegal”, engaden.
 
Ante esta impotencia, de inxustizas acumuladas, veñen solicitar:
 
– Por un lado, a máxima colaboración por parte de todas as institucións pertinentes. Cortando calquera relación de inmediato con esta Comunidade. En especial ao Concello da Guarda, que ven colaborando con este Comunidade nos últimos anos.
 
– E por outro, a involucración do resto de veciñ@s da Guarda nesta luita, a través de exercer o seu xusto dereito de ser comuneir@s.