O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, lamenta que o Goberno español máis unha vez ignorara os intereses da Galiza e dera o visto bo ao Acordo que suporá unha nova redución das cotas de pesca para a frota galega que porá en risco o futuro desta importante actividade produtiva e sector básico da economía galega.
Un dos principais temas de debate nas negociacións do Brexit foi as cotas de pesca para a frota dos países comunitarios en augas territoriais do Reino Unido despois da súa separación da Unión Europea. Néstor Rego destacou que o acordo aprobado o pasado día 24 de decembro permite unha redución de 25% das cotas de pesca nos caladoiros británicos e esta nova rebaixa suporá un novo golpe para o sector pesqueiro de Galiza, que volve acumular restricións á súa capacidade produtiva que deron comezo desde o momento en que o Estado español entrou na Unión”.
O BNG considera que o Brexit é a oportunidade perfecta para avaliar e reformar os criterios de reparto de cotas pesqueiras na Unión, e concretamente é necesario abordar a revisión do principio de estabilidade relativa que non permite un reparto equitativo e axustado ás capacidades produtivas de cada país e que supuxo desde o momento da entrada do Estado Español na Unión Europea a asignación de cotas insuficientes para a frota galega e en consecuencia a paulatina redución da propia frota pesqueira da Galiza.
Ademais, a formación nacionalista demanda que se recoñeza a Galiza o carácter de Zona Altamente Dependente da Pesca, o que suporía unha maior protección do sector evitando o seu afogamento, pois permitiría melloras no acceso a cotas e no financiamento da actividade produtiva. Esta categoría supón considerar a Galiza como unha poboación onde a contribución do sector pesqueiro para a actividade da zona é tal que as dificultades deste sector dan lugar a reducións de actividade e perdas de emprego que deterioran seriamente o tecido socioeconómico, condicións que claramente se dan no caso de Galiza, como distintos estudos puxeron de manifesto.
En todo caso, o BNG considera que a actuación do Goberno español demostra novamente que para defender adecuadamente os intereses de Galiza e que non se utilicen como moeda de cambio é necesario asegurar a capacidade de decisión da Galiza, e que poda encargarse das negociacións pesqueiras que se desenvolven a nivel internacional, polo gran peso que supón na súa economía. Galiza debe ter voz propia, e por iso Rego reclama capacidade para Galiza para negociar directamente as cuestións de especial relevancia para a súa economía, como é o caso dos acordos en materia de pesca, para evitar así que estas se volvan a considerar prescindíbeis en aras de intereses políticos ou económicos alleos.
“O sector pesqueiro é fundamental na economía da Galiza e debe protexerse para asegurar o seu desenvolvemento futuro, sendo para iso necesario de forma urxente revisar os índices que serven de base para a fixación dos topes de capturas, dar a Galiza a protección adecuada como zona altamente dependente da pesca e asegurar que teña voz propia e voto nas negociacións en materia de pesca” subliñou Rego.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.