Baixo o lema “Pola recuperación dos nosos dereitos”, a CIG-Ensino acaba de lanzar unha campaña de recollida de sinaturas co obxectivo de reclamar a restitución dos dereitos laborais e salariais perdidos nos últimos anos e de reivindicar unha mellora nas condicións de traballo do profesorado galego. Ao longo deste segundo trimestre, delegados e delegadas da central nacionalista visitarán todos os centros educativos do País para celebrar asembleas informativas e achegarlle ao profesorado os pregos de sinaturas que posteriormente lle serán entregados ao conselleiro de Educación e Cultura.
A campaña, que tamén se pode apoiar dixitalmente a través da web da Federación www.cig-ensino.gal, supón unha continuidade ao traballo realizado desde o inicio dos recortes, tanto en materia laboral como na loita contra a LOMCE.
Estatuto da Función Pública Docente
Entre as principais reclamacións está a creación dun Estatuto da Función Pública Docente, que debe responder a unha negociación real sobre as condicións laborais nas que desenvolve o seu traballo o persoal docente galego. Precisamente a campaña posta en marcha esta semana fai fincapé nas cuestións máis urxentes e prioritarias que teñen que formar parte desa negociación e que foron presentadas publicamente polo secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, esta mañá en Compostela. Bermello estivo acompañado dos responsábeis de Acción Sindical, Diego Boquete, de Educación Primaria, Teresa Carballido, e de Secundaria, Laura Arrojo.
Na súa intervención referiuse á necesidade de recuperar a contía integra do soldo e das pagas extras que percibe este colectivo e cifrou en 55.000 euros a perda de poder adquisitivo acumulada desde 2010, no caso dunha persoa pertencente ao corpo de Secundaria cunha antigüidade de 30 anos de servizo. Tamén clamou contra os descontos que penalizan a enfermidade e o aumento das tarefas burocráticas nos centros que fan que o profesorado non se poida centrar no realmente importante que é o traballo nas clases.
Garantir a calidade educativa
Neste sentido, Bermello insistiu en que “a garantía da calidade educativa vén da man dunha redución de rateos nas aulas, que permita atender correctamente o alumnado, a volta ás xornadas lectivas de 18 e 21 horas en secundaria e primaria respectivamente, así como ofertas amplas de emprego que non esquezan a necesidade de estabilidade do persoal interino e que permitan cubrir as necesidades dos centros. Bermello fixo especial fincapé nas carencias existentes na atención á diversidade e ás necesidades específicas de apoio educativo.
A este respecto, lembrou que a CIG-Ensino vén de reclamar que a Consellaría oferte 256 prazas de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe a maiores das que saen este ano no Concurso de Traslados de Primaria para conseguir este obxectivo.
1.200 docentes á espera do seu primeiro destino
Afondando en cuestións de actualidade, indicou que hai máis de 1.200 docentes funcionarios e funcionarias que están á espera de obter o seu primeiro destino definitivo -algúns levan máis de 10 anos en expectativa-, e que a proposta da CIG-Ensino vai na liña de diminuír esta temporalidade até máximo os dous anos posteriores a aprobar a oposición.
Por último, tamén se referiu á LOMCE, “unha lei máis propia do franquismo que dun país democrático” que desvaloriza o traballo do profesorado e que quere impedir a xestión democrática dos centros educativos. Neste sentido, recalcou a necesidade de que se paralice a súa aplicación e que Galiza poida exercer as súas competencias para levar a cabo unha Lei Galega de Educación na que, entre outras cuestións, se protexa e impulse o uso do galego como lingua vehicular no ensino.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.