Dende o concello da Guarda esperamos que o comezo das obras do enlace de Areas sexa o principio da culminación da Autovía Tui-A Guarda

O concello da Guarda mostra a súa satisfacción polo comezo das obras do Enlace de Areas por entender que este debe ser o principio do fin dunha infraestrutura pola que na A Guarda levamos esperando dende o ano 2004, a autovía Tui-A Guarda.
Publicado por o día 25/01/2021 na sección de Galicia,A Guarda

En repetidas ocasións tense manifestado dende o goberno municipal da Guarda que a obra máis importante para o futuro desenvolvemento da localidade é a Autovía Tui-A Guarda. Así mesmo a necesidade de rebaixar o tempo de viaxe ata a autoestrada A-55 para comunicarnos máis rápido coa rede de autoestradas é unha reclamación que se ten feito na vila dende todos os ámbitos.

En 2016 defendíamos nun escrito, refrendado polas forzas políticas e sectores económicos da localidade, que temos dereito mellorar a nosa comunicación con Vigo, a nosa cidade de referencia no eido sanitario, educativo, cultural e laboral, así como facilitar a chegada de turistas e visitantes e mellorar o transporte de mercadorías e bens de equipo, porque disto depende que se asente poboación na comarca e que sigamos crecendo. Hoxe podemos engadir a este razoamento, que non queremos quedar illados da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal. Queremos que A Guarda tamén conte.

Dende o ano 2004 o único tramo que se executou do que a Xunta chamou “gran eixe vertebrador da comarca do Baixo Miño” foron os 10,4 km que unen A Guarda con Goián, e para iso con tan só dous carrís. Faltan por executar aproximadamente 14,2 km. Dada a complexidade e custo do tramo que acaba de comezar, respecto do resto do vial, dende A Guarda consideramos que non debería haber inconvenientes, nin técnicos nin económicos, para que a Xunta afrontara, sen acumular máis atrasos, o remate da autovía.

De calquera maneira, o concello da Guarda mostra a súa satisfacción polo comezo das obras do Enlace de Areas por entender que este debe ser o principio do fin dunha infraestrutura pola que na Guarda levamos esperando dende o ano 2004, a autovía Tui-A Guarda.