Denuncian o peche dunha planta de pediatría do hospital Álvaro Cunqueiro

Critican que a Xerencia agardara a que pasaran as eleccións para informar desta decisión
Publicado por o día 15/07/2020 na sección de CIG,Galicia,Salud,Sanidad,Vigo

Denuncian o peche dunha planta de pediatría do hospital Álvaro Cunqueiro

A CIG-Saúde rexeita totalmente a decisión da Xerencia da área sanitaria de Vigo de pechar unha planta de pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro, anunciada dous días despois das eleccións autonómicas, sen comunicación previa á representación sindical, e logo de ter declarado a dirección publicamente que este verán non se ían pechar plantas como en anos anteriores.

CIG-Saúde explica que esta decisión foi comunicada á ultima hora do martes, “tan só un día antes da súa posta en marcha”, xa que se fai efectiva hoxe mesmo, e só foi tras as protestas do persoal que se trasladou información á representación sindical sobre a reorganización da unidade.

Para a CIG-Saúde de Vigo esta medida supón “unha falta de respecto ao persoal do servizo xa que non se lle informou coa suficiente antelación, provocando un gran malestar pola incerteza creada, tanto no aspecto organizativo do servizo como na súa vida persoal”.

A Xerencia alude á baixa ocupación dende hai semanas para xustificar esta medida, pero se isto fora así ” acturaron con premeditación e aleivosía calculada, atendendo a intereses máis ben políticos, xa que esperaron a que pasasen as eleccións galegas para anunciar o peche da unidade e así evitarse a crítica”.

Neste senso, lembran que a xerencia da área sanitaria anunciara e “alardeara” de que este ano non se ían facer peches de plantas. “Declaracións que demostraron ser pura imaxe, comprobándose na práctica que obedeceron máis a intereses políticos que sanitarios. Dende CIG-Saúde entenden que “isto é un claro síntoma do que nos agarda durante estes catro anos de goberno de Feijoo: máis recortes e privatizacións”, advirten.

Comentar noticia

Your email address will not be published.