Desprotección da ZEPA Ría de Foz

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SEO Pontevedra e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) denuncian o desleixo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural na vixilancia e cumprimento das normativas ambientais na ZEPA e ZEC da Ría de Foz.
Publicado por o día 07/08/2020 na sección de Medio Ambiente,Social,Sociedade Galega de Historia Natural

Desprotección da ZEPA Ría de Foz

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SEO Pontevedra e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) denuncian o desleixo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural na vixilancia e cumprimento das normativas ambientais na ZEPA e ZEC da Ría de Foz.

A carencia total de xestión deste  espazo protexido por parte das autoridades ambientais da Xunta de Galicia amosa que a protección está  unicamente nos papeis e en cambio o desinterese é absoluto na conservación real dos hábitats e aves do país segundo obrigan as nosas leis.

Importancia e protección da Ría de Foz

A ría de Foz é un esteiro enclavado entre os municipios de Barreiros e Foz no norte da provincia de Lugo que na teoría está protexida por dúas figuras de protección no marco da Rede Natura 2000 da Unión Europea: Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA ES0000373) Ría de Foz e Zona de Especial Conservación (ZEC ES1120011) Ría de Foz-Masma.

Os valores principais polos que foi declarado ZEPA son o número de invernantes de mazarico real (Numenius arquata) e mazarico rubio (Limosa lapponica). Pero a primeira especie está presente todo o ano e os seu status de conservación de acordo con BirdLife International e a UICN  é de Case Ameazada e está a sufrir un importante declive das súas poboacións europeas. Ademais, moitas outras especies de aves acuáticas migradoras utilizan a ría, en concreto as áreas intermareais para alimentarse e repousar: Asubiador (Mareca penelope), Cerceta común (Anas crecca), Cullereiro (Platalea leucorodia), Aguia peixeira (Pandion haliaetus), Gabita (Haematopus ostralegus), Píllara cincenta (Pluvialis squatarola), Pilro gordo (Calidris canutus), Pilro tridáctilo (Calidris alba), etc.

Estas especies son de presencia regular na ZEPA ría de Foz e deben ser obxecto de protección de acordo co artigo 4 da Directiva Aves. Ademais, diferentes hábitats presentes na zona están incluídos no Anexo I da Directiva Hábitats.

Por outra banda, o Decreto 37/2014 declarou zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e aprobou o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. Este Plan director inclúe a ZEPA Ría de Foz e ZEC Ría de Foz-Masma e establece a zonificación do espazo en Áreas de Protección e de Conservación segundo o seu valor de hábitats e especies presentes.

Molestias ás aves

Un momento especialmente delicado para as aves limícolas migrantes e invernantes na ría é a preamar. Debido ao pequeno tamaño do esteiro hai moi pouca superficie axeitada para que as aves poidan descansar adecuadamente durante este período. O durmidoiro principal e case único na ría para especies como Numenius arquataN. phaeopusLimosa lapponica e Platalea leucorodia está situado na área de Protección. Esta zona tamén é unha área de alimentación destas e outras aves acuáticas.

Mazarico chiador (Numenius phaeopus)

Neste contexto natural privilexiado, as molestias ás aves e incumprimento da normativa ambiental por practicantes de diversas actividades é continua todo ano, e isto agudízase na temporada de verán e máis aínda os fins de semana. Noutros países estes feitos poderían parecer asombrosos nun espazo natural con protección a nivel europeo pero é o habitual en Galicia dado o total desentendemento e falla de xestión das ZEPAs por parte da Xunta de Galicia.

Para avaliar o impacto destas actividades, dende finais de febreiro de 2019 ata o 31 de xullo de 2020 anotáronse datos de molestias ás aves visitándose a ría case a metade dos días (212 de 432). A media do período de visita diario foi de 87 minutos. As actividades que están a causar impacto sobre o medio e as aves detállanse de seguido

1. Paseos con cans ceibos

Observados un 30% dos días nos límites da ZEPA. Isto ocorre en dúas áreas principais: na área de protección especial da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) situada nas dunas e praia de Altar e praia de Angueira no concello de Barreiros. A pesar que esta especie ameazada conta cun Plan de Conservación da Xunta de Galicia e do cartel indicativo de que non se poden levar animais domésticos soltos no período reprodutivo (entre o 15 de marzo e o 15 de xullo) isto é incumprido sistematicamente. É improbable que a especie  aniñe no lugar mentres esta actividade non sexa controlada. Ademais moitas veces obsérvanse cans soltos polo intermareal e bancos marisqueiros, esta actividade ilegal causa molestias a especies como Numenius arquataN. phaeopusLimosa lapponicaCharadrius hiaticula, Calidris alpinaC. albaC. canutus, etc.

2. Navegación e fondeo non autorizados de embarcacións a motor

O 14% dos días observáronse embarcacións a motor dentro da Área de Protección e o 5% en Área de Conservación, incluidas motos acuáticas na marisma. Sen embargo, estas actividades seguro que teñen un impacto maior pois no estudio realizado evitáronse os fins de semana. Ademais, do impacto sobre o medio natural e especies migratorias esta actividade  pon en serio perigo aos propios practicantes e a outras persoas que usan a praia de Anguieira e a outras embarcacións polo incumprimento sistemático da normativa de seguridade marítima e a de regulación desta actividade. Esta actividade podería e deberíase realizar  dende o porto deportivo de Foz, sen poñer en perigo a outras persoas nin incumprir o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia que prohibe expresamente as actividades deportivas con motor en marismas. Esta actividade está afectando a especies como Numenius arquataN. phaeopusLimosa lapponicaPandion haliaetus e Platalea leucorodia.

3. Recollida de cebo

O 12% dos días observáronse molestias ocasionadas por recolledores de cebo, sobre todo nas especies de aves presentes na Área de Protección e relacionadas previamente. É unha actividade en forte incremento no esteiro e descoñécese o impacto nas poboacións das aves invernantes que as usan como alimento en grande medida.

4. Pescadores a pé

Pescadores a pé no repousadoiro de preamar situado na Área de Protección, o 10% dos días observáronse molestias ás aves. Malia ser poucos pescadores o impacto é crítico pois ocupan gran parte da Área de Protección impedindo ás aves o descanso no lugar e a súa alimentación.

5. Embarcacións sen motor

Observáronse piraguas, táboas de surf a remo, kaiaks, etc. durante a preamar na Área de Protección, ocasionando molestias ás aves o 5% dos días. Aínda que hai un continuo vagar diario deste tipo de embarcacións pola ría o impacto desta actividade é o menor dos observados, mais importante na Área de Protección, no durmidoiro que as aves manteñen na preamar.

En resumo

As molestias observadas dentro da ZEPA da ría de Foz son inasumibles dende o punto de vista ambiental e de xestión para un espazo que conta cunha protección a nivel europeo. O 41% dos días detectáronse actividades ilegais na ZEPA de acordo co Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia e 52% dos días actividades de molestia as aves ou ilegais.

En ocasións, sobre todo fins de semana do período de verán a situación é crítica observándose aves continuamente espantadas e obrigadas en ocasións a abandonar a ZEPA pola acumulación de molestias ocasionadas por todas estas actividades: as aves non poden descansar nin alimentarse, razóns de ser da declaración de ZEPA da ría de Foz.

Pola contra, só se observou algún tipo de vixilancia en 11 días (6 Xunta de Galicia, 4 Garda Civil e 1 MMA) o que supón o 5% dos días. Isto demostra o interese nulo e a deixadez total por parte da Xunta por este espazo natural protexido incluído dobremente na Rede Natura 2000 (ZEC e ZEPA).

Existe unha carencia total de xestión desta ZEPA por parte da Xunta de Galicia e basta con aproximarse un par de horas calquera día para comprobar a realización dalgunha destas actividades negativas para as aves, ao mesmo que para constatar a ausencia case total de vixilancia no espazo natural.

A  SGO, SEO-PO e SGHN continuarán rexistrando as molestias e actividades ilegais dentro da ZEPA antes de explorar vías de denuncia  contra  Xunta de Galicia ante a Unión Europea por incumprimento das directivas de Hábitat (92/43/CEE) e de Aves (2009/147/CE).

Solicitudes de SGO, SEO-Po e SGHN

SGO, SEO-PO e SGHN teñen solicitado á administración autonómica a necesidade de ordenamento específico que dea a protección precisa ao espazo natural, o que pasa por:

  1. Vixilancia regular por parte de axentes rurais ou garda civil durante todo o ano e en especial no período de verán centrándose nos cans ceibos, paseantes polo intermareal e embarcacións a motor dentro da área de marisma.
  2. Control da actividade de extracción de cebo vivo na ría debido á súa importancia como especies presa das aves: número de recolledores, cantidade recollida e zonificación de áreas de extracción. Tamén a avaliación do poboacións destas especies e control dos posibles cambios.
  3. Como reflexa o Plan Director da Rede Natura 2000: Mellorar o sistema de vixilancia das poboacións de aves acuáticas invernantes nas zonas húmidas da rede de ZEPA, identificar os seus principais factores de ameaza e establecer e desenvolver un protocolo de seguimento do seu estado de conservación.
  4. Implantación dunha zona de reserva que inclúa a Área de Protección da ZEPA ría de Foz para evitar as molestias ocasionadas no importante repousadoiro de aves situado na citada zona. Hai suficiente superficie no resto da ría para o desenvolvemento de actividades que están sendo incompatíbeis coa conservación da ZEPA e os seus valores, a saber pesca recreativa, recollida de cebo, navegación e fondeo.
  5. Información á poboación implicada con sinalización dos límites da ZEPA, a súa importancia ambiental e os usos non permitidos. Actualmente, só existen menos de medida ducia de carteis indicando os límites da ZEC-ZEPA e algúns están deteriorados por pintadas. É necesaria a colocación de máis carteis indicando os límites deste espazo natural e as actividades permitidas e non permitidas sobre todo nas zonas de maior de afluencia e onde é maior o impacto.

Comentar noticia

Your email address will not be published.