Eucaliptos e invasividade

Invasividade científica e “oficial“
Publicado por o día 10/06/2019 na sección de Social,Sociedade Galega de Historia Natural

Eucaliptos e invasividade

As opinións contrapostas do Comité Científico do MAGRAMA, que dictaminou por unanimidade o carácter invasor das árbores do xénero Eucalytus empregadas en plantacións forestais (PDF), e o informe do Prof. Luis Gil, que concluiu o contrario (PDF), fixeron correr ríos de tinta ao longo de 2018 sobre o tema eucaliptos e invasividade.

Sociedade Galega de Historia Natural non foi quen de detectar posibles conflitos de interese con respecto aos eucaliptos entre os membros do Comité Científico do MAGRAMA, pero si no caso do Prof. Luis Gil polos seus vínculos con ENCE (máis…).

Definición legal de especie exótica invasora

Lei 42/2007 e o Real Decreto 630/2013 definen como “especie exótica invasora” a “especie exótica que se introduce ou establece nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural, e que é un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, xa sexa polo seu comportamento invasor, ou polo risco de contaminación xenética”. Así mesmo, o Regulamento UE nº 1143/2014establece que “especie exótica invasora” é “unha especie exótica da cal a súa introdución ou propagación teña demostrado ser unha ameaza ou ter efectos adversos sobre a biodiversidade e os servizos asociados dos ecosistemas”.

Todas as especies de eucaliptos son orixinarias de Australia e illas próximas. A súa expansión no resto do mundo débese á intervención humana. Xa que logo, todos os eucaliptos en Galicia son especies exóticas.

Eucaliptos: naturalizados ou invasores?

Se ben Fernandes et al. (2016) consideran que E. globulus é unha especie naturalizada (capaz de autopropagarse) pero non invasora, polo reclutamento baixo e localizado, Catry et al. (2015) comprobaron a autopropagación de E. globulus nun 60% dos transectos estudados ao longo de estradas portuguesas, cunha densidade media de 277 plantas/ha. Tamén en Portugal, a densidade de plántulas de E. globulus establecidas espontáneamente ao longo dos bordos de plantacións de primeira rotación resultou ser 3 veces maior que en sete rexións semellantes en Australia (Águas et al., 2017).

O establecemento das plántulas de E. globulus vése dificultada polo sombreado e a cuberta forestal, e facilitado polas perturbacións ambientais do sitio (Fernandes et al., 2017). As sementes deE. globulus poden dispersarse alomenos ata 80 m de distancia, se ben nun 92-98% dos casos non superan os 15 m (Calviño-Cancela e Rubido-Bará, 2013; Fernandes et al, 2016). Malia un éxito de establecemento relativamente baixo, a produción masiva de sementes orixina densidades considerables de plántulas, sobre todo en piñeirais e matogueiras (Calviño-Cancela e Rubido-Bará, 2013). Para controlar a expansión de E. globulus fóra das plantacións, estes últimos autores suxiren establecer unhas faixas de seguridade de 15 m de largura a carón das plantacións nas que se deberían:

  • Arrincar regularmente as plántulas de eucaliptos de 1-2 anos, para así reducir en máis dun 95% o reclutamento de novos eucaliptos.
  • Plantar/conservar árbores autóctonas pois dificultan o establecemento dos eucaliptos, o cal facilitaría o mantemento das faixas e aumentaría a súa eficacia.

Lume, eucaliptos e invasividade

Arán et al. (2013) aplicaron 14 tratamentos relacionados co lume (calor, fume ou cinzas) a sementes de E. globulus sen que se alterase a taxa de xermolación. Sen embargo, aínda que pode destruir o banco de sementes de eucaliptos nos solos, o lume facilita o reclutamento de novas plantas pois promove a dehiscencia das cápsulas das copas coa conseguinte caída de sementes viables (dos Santos et al., 2015; Silva et al., 2016). Neste senso, en zonas queimadas do norte e centro e Portugal comprobouse a autopropagación de E. globulus nun 93% das masas puras de E. globulus, nun 99% das masas mixtas de E. globulus e P. pinaster, e nun 19% das masas puras de P. pinaster (Águas et al., 2014).

Calviño-Cancela et al. (2018) tamén detectaron que o reclutamento de plántulas de E. globulus aumenta en zonas queimadas, agás en matogueiras. Estes últimos autores atribúen dito incremento a unha maior emerxencia das plántulas (7 e 42 veces máis, respectivamente, en piñeirais e fragas autóctonas), debido:

  • Á desaparición da barreira física constituida pola follasca, que é consumida polo lume.
  • Ao aumento da supervivencia das plántulas grazas á maior dispoñibilidade de luz polos danos ocasionados polo lume nas copas.

En consecuencia o lume incrementa o risco de que os E. globulus invadan zonas con vexetación nativa (dos Santos et al., 2015; Silva et al. 2016), sobre todo carballeiras (Calviño-Cancela et al., 2018). Polo tanto, tendo en conta a magnitude da superficie hoxe ocupada polos eucaliptos (425.000 ha en masas puras o mixtas), a súa ampla dispersión polas tres provincias costeiras, a elevadísima incidencia dos lumes forestais (a metade dos de toda España en menos do 6% da superficie), e a extensa rede de estradas (case 50.000 km), en Galicia danse as condicións perfectas para que os eucaliptos amosen toda a súa capacidade invasora.

Máis sobre eucaliptos e ecosistemas

Este artigo forma parte da colección desta web sobre eucaliptos e ecosistemas, que está baseada nunha revisión bibliográfica de publicacións científicas incluidas no “Journal Citation Reports” (JCR) da “Web of Science/Web of Knowledge”. As palabras chave empregadas na búsqueda foron “eucalyptus” e “eucalypte(s)”. Nalgúns temas con pouca información dispoñible, incluíronse ademais algunhas publicacions de Galicia e Portugal non recollidas no JCR. Seleccionáronse só estudos feitos na península ibérica e, moi excepcionalmente, noutras zonas de clima semellante (que de ser o caso indícanse no texto). Outros artigos xa dispoñibles nesta web con información sobre os efectos dos eucaliptos nos ecosistemas:

Bibliogafía citada

  • Águas, A., Ferreira, A., Maia, P., Fernandes, P.M., Roxo, L., Keizer, J., Silva, J.S., Rego, F.C., Moreira, F., 2014. Natural establishment of Eucalyptus globulus Labill. in burnt stands in Portugal. Forest Ecology and Management 323, 47-56.
  • Águas, A., Larcombe, M.J., Matias, H., Deus, E., Potts, B.M., Rego, F.C., Silva, J.S., 2017. Understanding the naturalization of Eucalyptus globulus in Portugal: a comparison with Australian plantations. European Journal of Forest Research 136, 433-446.
  • Arán, D., García-Duro, J., Reyes, O., Casal, M., 2013. Fire and invasive species: Modifications in the germination potential of Acacia melanoxylon, Conyza canadensis and Eucalyptus globulus. Forest Ecology and Management 302, 7-13.
  • Calviño-Cancela, M., Lorenzo, P., González, L., 2018. Fire increases Eucalyptus globulus seedling recruitment in forested habitats: Effects of litter, shade and burnt soil on seedling emergence and survival. Forest Ecology and Management 409, 826-834.
  • Calviño-Cancela, M., Rubido-Bara, M., 2013. Invasive potential of Eucalyptus globulus: Seed dispersal, seedling recruitment and survival in habitats surrounding plantations. Forest Ecology and Management 305, 129-137.
  • Catry, F.X., Moreira, F., Deus, E., Silva, J.S., Aguas, A., 2015. Assessing the extent and the environmental drivers of Eucalyptus globulus wildling establishment in Portugal: results from a countrywide survey. Biological Invasions 17, 3163-3181.
  • dos Santos, P., Matias, H., Deus, E., Aguas, A., Silva, J.S., 2015. Fire effects on capsules and encapsulated seeds from Eucalyptus globulus in Portugal. Plant Ecology 216, 1611-1621.
  • Fernandes, P., Antunes, C., Pinho, P., Maguas, C., Correia, O., 2016. Natural regeneration of Pinus pinaster and Eucalyptus globulus from plantation into adjacent natural habitats. Forest Ecology and Management 378, 91-102.
  • Silva, J.S., dos Santos, P., Serio, A., Gomes, F., 2016. Effects of heat on dehiscence and germination in Eucalyptus globulus Labill. International Journal of Wildland Fire 25, 478-483.