Non á “barra libre” contra o porco bravo

Publicado por o día 14/01/2020 na sección de Social,Sociedade Galega de Historia Natural

Non á “barra libre” contra o porco bravo

Descoñecemento do número de porcos bravos en Galicia

Ao longo de 2019 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (en adiante CMATV) recoñeceu de xeito explícito, público e reiterado que non dispón de datos concretos sobre o estatus poboacional do porco bravo ou xabaril (Sus scrofa L. ssp. scrofa) en Galicia, sobre a súa tendencia histórica ou as proxeccións a curto e medio prazo en función de distintos escenarios e factores ambientais (véxase Adxunto 1 no escrito de SGHN).

A carencia de datos fiables e contrastados – baseados en estudos rigorosos sobre o tamaño, a estrutura e a dinámica das poboacións de porco bravo (efectivos de cada sexo, número de crías por femia e ano, cohortes de idade, mortandade natural e non natural) – non pode suplirse por suposicións e extrapolacións a partires dos danos, do número e exemplares abatidos ou das incidencias nas redes viarias.

Autorización da caza sen límites do porco bravo

Tan só 130 días despois da “Resolución do 15/05/2019, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2019/20, a D.X. de Patrimonio Natural modifica o seu artigo 13 cunha nova Resolución do 23/09/2019 pola que declara unha emerxencia cinexética e autoriza a caza sen límites de porco bravo en 33 concellos. Unha Resolución que amosa graves carencias pois:

  • NON avalía obxectivamente, en base a datos científico-técnicos, as repercusións das medidas sobre o estado de conservación do medio ambiente galego, e especialmente sobre o funcionamento dos ecosistemas, o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario e das especies de flora e fauna silvestre.
  • NON valora nin xustifica as medidas en relación coas repercusións que poderían derivarse sobre outras actividades que se desenvolven no medio rural, tanto produtivas como de lecer e tempo libre, mesmo a seguridade das persoas e os seus bens.
  • NON avalía de forma concreta e obxectiva as poboacións de porco bravo nos distintos concellos e comarcas galegas, nin os danos reais por depredación doutras especies, cultivos ou sobre a seguridade das persoas. Tampouco se aporta información sobre o continxente poboacional de porcos bravos que se quere diminuír e sobre o que se considera necesario para manter nun estado de conservación favorable os diversos tipos de ecosistemas galegos.
  • NON contempla outras propostas ou actuacións tendentes á recuperar os procesos de regulación natural das especies e o funcionamento dos ecosistemas.
  • NON xustifica nin acredita que as medidas que se pretenden levar a cabo se realizan no marco legal establecido pola normativa autonómica e estatal.

Con data 27/09/2019 (DOG nº 192, do 09/10/2019) as Xefaturas Territoriais da CMATV ditan para cada unha das provincias unhas Resolucións polas que se declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo porco bravo (Sus scrofa L.) nas comarcas de Betanzos e Eume (A Coruña), Terra Chá (Lugo), Viana (Ourense) e Deza (Pontevedra) que:

  • Teñen un texto case idéntico, agás pequenas adaptacións ao ámbito xeográfico, pero sen adaptalo á realidade territorial e a casuística particular das distintas comarcas.
  • Fan referencia á especie Sus scrofa L. 1758, que inclúe tanto ao porco bravo silvestre (Sus scrofa L. ssp. scrofa) como ao porco doméstico (Sus scrofa L. ssp. domestica), e outras formas alóctonas presentes en Galicia como o porco vietnamita (Sus scrofa L. ssp. ussuricus Heude) e os seus híbridos.
  • Se fundamentan xuridicamente nunha mención xenérica á lexislación galega (Lei 5/2019) e estatal (Ley 42/2007) de protección de especies e nunha referencia concreta do artigo 71 da Lei 13/2013, de caza de Galicia, que non é aplicable neste contexto. A declaración de emerxencia cinexética temporal xustifícase en virtude da disposición adicional primeira do Regulamento (Decreto 284/2001) dunha lei de caza xa derrogada (Lei 4/1997).
  • Non inclúen datos científico-técnicos sobre a situación poboacional do porco bravo nas distintas comarcas. Tampouco avalían os danos causados, nin establecen os efectivos que se pretenden diminuír e os que deben conservarse para asegurar o cumprimento dos obxectivos de conservación recollidos na normativa estatal (Ley 42/2007) e autonómica (Lei 5/2019).

As resolucións da Dirección Xeral e as Xefaturas Provinciais foron recollidas con titulares de prensa que poñen en evidencia unha estratexia insustentable de uso irracional dos recursos naturais (véxase Adxunto 2 no escrito da Sociedade Galega de Historia Natural).

“barra libre contra o porco bravo” é contraria á normativa vixente

O Tratado de Funcionamento da Unión Europea establece que “A política da Unión no ámbito do medio ambiente terá como obxectivo alcanzar un nivel de protección elevado, tendo presente a diversidade de situacións existentes nas distintas rexións da Unión. Basearase nos principios de cautela e de acción preventiva, no principio de corrección dos atentados ao medio ambiente, preferentemente na fonte mesma, e no principio de quen contamina paga” (artigo 192) e, ademais, que as políticas sobre medio ambiente na Unión basearanse nos datos científicos e técnicos dispoñibles (Versión Consolidada. Diario Oficial da Unión Europea, 26/10/2012).

A lexislación básica de patrimonio natural e biodiversidade (Ley 42/2007) establece para todo o Estado:

  • O marco de protección xeral para todas as especies de flora e fauna silvestre, acorde coa normativa europea e os acordos internacionais asinados por España e contempla entre os principios (artigo 2) o mantemento dos procesos ecolóxicos, a conservación e restauración da biodiversidade e a utilización ordenada dos recursos para evitar a perda de biodiversidade.
  • As garantías de conservación para as especies de flora e fauna silvestres (artigo 54.1). O cumprimento desta obriga só é posible a partir dun coñecemento científico-técnico do estado de conservación das distintas especies e dos hábitats dos que dependen.
  • As excepcións á norma xeral de conservación das especies de flora e fauna silvestre (artigo 61): “se non houbera outra solución satisfactoria, e sen que iso supoña prexudicar o mantemento nun estado de conservación favorable das poboacións de que se trate, na súa área de distribución natural”, nomeadamente para evitar perxuizos á saúde e seguridade das persoas, ou aos cultivos, o gando, os bosques, a pesca e a calidade das augas, por razóns imperiosas de interese público de primeiro orde ou para protexer a flora e fauna silvestres e os hábitats naturais. Pero tamén establece que as administracións competentes especificarán as medidas para garantir o principio de non perda neta de biodiversidade, e a autorización administrativa para ditas excepcións deberá ser pública, motivada e especificar, entre outros aspectos, os seus límites e as medidas de control que se aplicarán.

Lei 5/2019, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, mantén para as especies silvestres de flora e fauna o estatus de protección fixado na normativa estatal (artigos 88 e 99 a 102).

A vixente lei de caza de Galicia (Lei 13/2013) fixa un réxime de aproveitamento para as especies cinexéticas, e unhas autorizacións especiais ou excepcións á aplicación deste cando concorran determinadas circunstancias (artigo 71.1), detallando o proceso de “autorización administrativa que será persoal, intransferible e de carácter temporal” e que “deberá ser motivada e especificar … os seus límites” (artigo 71.2.c).

Estas obrigas legais de conservación (europeas, estatais e galegas) foron incumpridas abertamente pola Resolución da D.X. de Patrimonio Natural e as das catro Xefaturas Provinciais, posto que se ditaron:

  • Cunha xustificación xenérica de danos á agricultura, gandería, silvicultura, circulación viaria e flora e fauna silvestres, sen demostrar a existencia de razóns imperiosas de interese público de primeiro orde.
  • Sen datos obxectivos concretos sobre a poboación de porco bravo no conxunto de Galicia e en cada unha das comarcas onde se autorizou a caza sen límites.
  • Sen un plan de xestión do porco bravo.
  • Sen fixar un cupo máximo de capturas para non afectar forma significativa ao estado de conservación do porco bravo e dos ecosistemas e hábitats nos que se integra.

Asemade, as Resolucións chegan a contemplar que todas las autorizacións de caza por danos en Galicia serán autorizadas de forma inmediata, e non será necesaria a comprobación destes, sen perxuizo da comprobación que poidan facer os servizos de Patrimonio Natural, vulnerando en consecuencia o artigo 71.2 da Lei 13/2013, de caza de Galicia, e depositando a responsabilidade e a toma de decisións nun segmento da poboación ao marxe de calquera control polos garantes do cumprimento da legalidade vixente.

Aínda máis, a administración autonómica plantexa unha segunda vía complementaria para alcanzar este fin a través da declaración duna suposta “Emerxencia cinexética temporal”, figura recollida en leis e regulamentos de caza hoxe derrogados (estatais: Ley 1/1970; galegos: Lei 4/1997) pero non contemplada na normativa vixente de Patrimonio Natural e Biodiversidade (lexislación básica estatal: Ley 42/2007; lexislación galega: Lei 5/2019), e de caza (Lei 13/2013).

As Resolucións da D.X. de Patrimonio Natural non respectaron o dereito de información pública

O Convenio de Aahrus consagrou na Unión Europea os dereitos ao acceso á información, a participación do público na toma de decisións e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente, que se regulan pola normativa europea (Directiva 2003/4/CEDirectiva 2003/35/CEE) e estatal (Lei 27/2006). Así, a Lei 27/2006 establece que “serán obxecto dun proceso de participación pública a elaboración daqueles plans, programas e disposicións de carácter xeral relacionados co medio ambiente” (artigo 16), entre eles as normas sobre “conservación da natureza, diversidade biolóxica” e “toma de decisións e acceso á xustiza en materia de medio ambiente” (artigo 18.f. e 18.m).

Pero a formulación e aprobación da Resolución de 23/09/2019 da D.X. de Patrimonio Natural e as 4 Resolucións de 27/09/2019 dos Servicios Provinciais realizáronse sen un procedemento de participación pública, incumprindo en consecuencia a Lei 27/2006, a Directiva 2003/4/CE, a Directiva 2003/35/CEE e o Convenio de Aahrus, en canto afectan á conservación da natureza e á diversidade biolóxica.

Autorización da caza de porco bravo en man e ó salto

A “lei vasoira” de medidas fiscais e administrativas (Lei 7/2019, do 23 de decembro) modificou o artigo 72.1 da Lei 13/2013, de caza de Galicia, autorizando a caza do porco bravo “en man e ao salto”. É dicir, agora todos os días hábiles de caza calquera cazador armado cun rifle pode dispararlle con bala a un porco bravo que se lle cruce no camiño, co conseguinte risco para a seguridade das persoas que, por motivos laborais ou lúdicos, transiten polo medio natural ante a imposibilidade de coñecer que se atopan no radio de alcance das balas dun número indeterminado de cazadores situados en lugares descoñecidos. Por estes motivos, esta decisión tan só pode cualificarse como unha incrible e gravísima irresponsabilidade que debería corrixirse á maior brevidade.

Conclusións

A caza sen límites do porco bravo (Sus scrofa ssp. scrofa) autorizouse en Galicia mediante Resolución da D.X. de Patrimonio Natural e os seus Servicios Provinciais (27/07/2009, DOG 09/10/2019):

  • SEN dispor de datos obxectivos sobre a poboación da especie, as causas antrópicas e/ou naturais da suposta sobrepoboación e os danos provocados, e sen unha avaliación doutras accións ou medidas correctoras.
  • SEN establecer unha cota de animais que se poderían capturar sen afectar ao seu estado de conservación e o principio de non perda neta de biodiversidade.
  • SEN un proceso de participación pública.
  • SEN asegurar o cumprimento de todas as normas de aplicación en vigor.

Polo tanto, ditas Resolucións incumpren a lexislación autonómica (Lei 13/2013Lei 5/2019), estatal (Lei 27/2006Ley 42/2007) e europea (Directiva 2003/4/CEDirectiva 2003/35/CEE).

A autorización da caza do porco bravo “en man e ao salto” é unha gravisima irresponsabilidade polo risco que supón para os cidadáns que, por motivos laborais ou lúdicos, transiten polo medio natural.

Solicitudes da Sociedade Galega de Historia Natural á Consellería de Medio Ambiente

  1. Que se anulen a Resolución da D.X. de Patrimonio Natural e as resolucións dos seus Servicios Provinciais por ser contrarias a dereito.
  2. Que se derrogue o artigo 12 da Lei 7/2019 que modificou o artigo 72.1 da Lei 13/2013 autorizando a caza do porco bravo “en man e ao salto”.