Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou este xoves, 14 de xaneiro, na reunión telemática convocada pola Consellería de Sanidade co fin de valorar a evolución epidemiolóxica da Covid-19, debido a que o concello se atopa dende hai varias semanas en nivel de alerta máxima. Na xuntanza, na que tamén estiveron os alcaldes e alcaldesas dos municipios de Pontevedra, Poio, Bueu, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Caldas de Reis e Cuntis, o xerente da EOXI Pontevedra – Salnés informou de que entre mañá e o luns se levará a cabo o cribado xeral da cidadanía no aparcadoiro das Lagoas, en horario de 8.30 a 18.30 horas. Precisamente este xoves xa comezaron coa instalación das carpas no lugar e con todo o dispositivo para os vindeiros días.
Novas restricións da Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia anunciou novas restricións para conter a expansión da pandemia, e que entrarán en vigor a partir deste venres. Así, toda a comunidade autónoma estará pechada perimetralmente e os municipios estarán ou en nivel medio-alto ou en nivel máximo. Bueu situarase no nivel alto de restricións e entre as novas restricións que afectan á vila estarían: as reunións serán dun máximo de 4 persoas; o toque de queda adiántase ás 22 horas; o horario de peche do comercio fíxase ás 21,30 horas; os centros recreativos turísticos ou similares terán un aforo do 50% -cando haxa grupos, serán de 4 persoas máximo-; e a hostalería e restauración poderá abrir ata as 18 horas, pero só con atención en terrazas, ou con entrega a domicilio sen límite. Ademais, a mobilidade non se permitirá máis aló do municipio, quedando illados de xeito individual.
O alcalde destaca que “as novas medidas non supoñen ningún cambio nin variación e o Concello de Bueu continúa no nivel máximo de restricións, o que non contradí que a evolución dos últimos días está sendo positiva, tanto na redución e estabilización dos casos activos como na incidencia acumulada, tanto a 7 como a 14 días”. O rexedor incide en que “a cidadanía deberá seguir cumprindo estritamente coas medidas de seguridade e hixiene e limitar ao máximo os desprazamentos”. Juncal ten as esperanzas postas no cribado que arrancará mañá no aparcadoiro, pois “permitiranos ter unha radiografía o máis exacta posible da situación epidemiolóxica na nosa vila, pois sabemos que pode haber persoas asintomáticas que, sen querer, estean propagando o virus”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.