A Xunta lembra que ata o vindeiro 30 de xullo se poden solicitar os préstamos a interese cero habilitados pola Consellería do Medio Rural para anticipar a uns 27.000 agricultores e gandeiros galegos ata 210 millóns de euros da PAC. Tras o acordo entre o Goberno galego e varias entidades financeiras, os produtores poderán ingresar así inmediatamente unhas achegas que adoitan cobrarse no outono.
Deste xeito, os interesados poden solicitar aínda estes empréstitos sen xuros nas oficinas de Abanca, Caixa Rural Galega, Sabadell, Santander e CaixaBank. Así mesmo, poden pedir as axudas da Consellería do Medio Rural para o pagamento da comisión inicial de apertura do 1% do préstamo, que será subsidiada integramente pola Xunta. Poderán beneficiarse desta subvención tanto os produtores que pidan os empréstitos agora, como os que xa o fixesen con anterioridade, de xeito que o Goberno galego lles aboará tamén ese 1% do importe.
A duración máxima dos préstamos será de 12 meses. As entidades financeiras participarán nesta liña de empréstitos cun máximo de ata o 90% do importe correspondente da PAC. Unha vez solicitado o préstamo ata o 30 de xullo, o prazo máximo para a formalización da operación será de 15 días e o empréstito será amortizado no momento do cobro da subvención, o que suporá a súa cancelación inmediata.
En caso de perda do dereito ao cobro, ou reintegro total ou parcial da axuda da PAC, o beneficiario deberá cancelar o préstamo aboando á entidade financeira a totalidade do seu importe. Neste caso, a comisión de apertura do préstamo non será financiada pola Consellería do Medio Rural, senón polo propio beneficiario.
Este convenio entre a Xunta e distintas entidades financeiras forma parte das medidas contempladas no Plan de liquidez da Consellería do Medio Rural para anticipar o pago de preto de 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de axudas, co obxectivo de inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores afectados pola emerxencia sanitaria.
Enlace á orde de achegas:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200612/AnuncioG0426-100620-0002_gl.html
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.