Os concellos galegos poderán solicitar a partir de mañá as axudas para a realización de poxas de gando bovino selecto

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a primeira convocatoria desta orde da Consellería do Medio Rural, que conta cun orzamento inicial de 65.000 euros
Publicado por o día 17/02/2020 na sección de Agricultura e Gandería,Xunta de Galicia

Os concellos galegos poderán solicitar a partir de mañá as axudas para a realización de poxas de gando bovino selecto

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural para que os concellos galegos se poidan beneficiar das axudas destinadas á realización de poxas de gando bovino selecto. O orzamento inicial é de 65.000 euros, que se poderá ampliar se así se precisa.

A Consellería do Medio Rural é consciente de que a reposición nas explotacións bovinas debe realizarse con animais que cumpran con todas as garantías sanitarias e que, ademais, aporten unha mellora xenética do gando da explotación a uns prezos razoables. As poxas de gando bovino selecto son eventos que teñen como obxectivo facilitar o mercado de animais, xa que permiten a súa compravenda sen intermediarios e con total transparencia nunha relación directa entre o comprador e o vendedor. Ademais, a venda de animais selectos supón unha fonte de ingresos adicionais para os gandeiros e gandeiras, constituíndo un nicho de mercado para moitas explotacións que posúen excedentes, propagando e difundindo o progreso xenético acadado ao resto da poboación.

A través destas axudas preténdese fomentar a celebración dunha rede de poxas de gando selecto a realizar en diferentes puntos da xeografía galega, cunha periodicidade acorde á oferta de animais para que exista unha distribución ordenada das mesmas ao longo do ano, e onde os posibles vendedores e compradores poidan atopar unha vía de comercialización segura e fiable para canalizar a oferta e demanda de animais selectos.

Entre as actividades subvencionables está a selección e preparación dos animais, o transporte, o manexo, a estabulación e a alimentación dos mesmos durante a celebración da poxa. Tamén os gastos derivados do acondicionamento, do mantemento, da seguridade e da limpeza do recinto; os gastos administrativos de tramitación documental e de xestión da poxa, os custos publicitarios e promocionais e os gastos de seguros relativos á celebración do evento. O importe subvencionable varía entre os 1.500 e 6.000 euros, dependendo da aptitude e do número de reses participantes.

Cómpre tamén destacar que os concellos que soliciten estas achegas deberán cumprir unha serie de requisitos, entre eles dispoñer de instalacións axeitadas que conten cunha situación sanitaria conforme á normativa aplicable, así como de medios técnicos e de persoal para a celebración deste tipo de eventos. Ademais, soamente poderán participar nas poxas animais que naceran en Galicia.

Poderán optar ás axudas as poxas celebradas no período comprendido entre o 1 de agosto de 2019 e o 31 de xullo de 2020, ambos incluídos. Os concellos interesados teñen un mes de prazo para solicitalas (ben dende a publicación da orde, se se celebraron antes desa data, ben dende a celebración do evento, se se organizan con posterioridade á publicación no DOG). A correspondente solicitude ha de presentarse a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta.

Comentar noticia

Your email address will not be published.