Ponte Caldelas inaugura este xoves “Rompe. Xoga en igualdade”, a rompedora mostra da Deputación coas “Barbis intervidas” coma protagonistas

As bonecas como arquetipo da “muller obxecto” que amosan situacións de desigualdade, violencia e discriminación estarán ata o 3 de marzo na Casa da Cultura da vila
Publicado por o día 06/02/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas inaugura este xoves “Rompe. Xoga en igualdade”, a rompedora mostra da Deputación coas “Barbis intervidas” coma protagonistas

Dende este xoves, 7 de febreiro, e ata o vindeiro 3 de marzo, Ponte Caldelas acollerá a mostra “Rompe. Xoga en Igualdade“, impulsada pola Deputación de Pontevedra para denunciar a discriminación e a desigualdade que sofren as mulleres. Poderá verse na Casa da Cultura da vila de luns a venres, de 16:00 a 21:00 horas.

Rompe. Xoga en Igualdade” é unha exposición itinerante creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. Está protagonizada polas famosas bonecas “Barbie”, que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre homes e mulleres. Trátase dunha mostra vangardista e rompedora para golpear as conciencias e para facer pensar e reflexionar, cuxo obxectivo é non deixar a ninguén indiferente. Pretende “romper” e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e home e do fin da discriminación e da violencia contra o 52% da poboación. Para lograr estes obxectivos hai que “romper” e traballar arreo para evitar a invisibilidade das mulleres.

Rompe. Xoga en Igualdade” consta de 18 paneis cheos de poesía visual que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. Así, as protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres dende nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos. As bonecas seleccionadas para a mostra foi a “Barbie” por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas dos nenos e nenas.