Regar ou inxectar os puríns ten importancia en Galicia?

Publicado por o día 24/01/2018 na sección de Social,Sociedade Galega de Historia Natural

Regar ou inxectar os puríns ten importancia en Galicia?

A entrada en vigor dunha nova normativa da Unión Europea (RD 980/2017) para percibir axudas da PAC (Política Agraria Comunitaria) que prohibe a aplicación de puríns nas superficies agrícolas mediante sistemas de plato, abanico e canóns, agás excepcións xustificadas, está a xerar unha grande oposición por parte do sector gandeiro e facendo correr ríos de tinta nos medios de comunicación (Europa PressFaro de VigoLa SextaLa Voz de Galicia).

Ten sentido e é necesaria dita norma da Unión Europea en Galicia ou é un “capricho” dos burócratas de Bruselas?

En primeiro lugar, é preciso salientar que como calquera entidade (administración pública, fundación, empresa, …) que da unha axuda económica a un terceiro, a Unión Europea pode poñer aos solicitantes as condicións que considere axeitadas, neste caso para preservar a calidade ambiental (e tamén a calidade das augas que bebemos).

En segundo lugar, hai xa vinte anos que se documentou por primeira vez que a deposición atmosférica de nitróxeno en Galicia en forma de amonio é maior que a de nitrato. Inicialmente foron datos a nivel local (García-Rodeja et al., 1998) e logo a nivel xeral segundo a rede de control e análise da auga de chuvia instalada pola Xunta de Galicia, que amosa que o 84% da deposición de nitróxeno en Galicia (rango 64-98%) é en forma de amonio (Vázquez et al., 2003). Xa que logo, en Galicia a principal fonte de contaminación atmosférica por compostos de nitróxeno e da súa deposición posterior sobre o terreo non é nin a industria nin o transporte (que xeran sobre todo óxidos de nitróxeno que logo se depositan como nitrato) senón probablemente a actividade agro-gandeira (Rodríguez-Lado e Macías, 2006a2006bCillero et al., 2016), nomeadamente os puríns xerados nas explotacións estabuladas intensivas.

Á vista das evidencias científicas, en Galicia si que ten todo o sentido a norma da Unión Europea e a súa esixencia para percibir subvencións con fondos públicos europeos.

Unha imaxe e un par de citas para reflexionar sobre os hábitos de consumo e o seu impacto sobre o planeta… e os nosos petos:

“A dependencia dos fertilizantes nitroxenados representa a maior interferencia humana sobre o ciclo do nitróxeno. A inxesta diaria de proteinas é excesiva nos países ricos e inadecuada para centos de millóns de persoas nos países pobres. O uso dos fertilizantes nitroxenados non poderá reducirse só mellorando as prácticas agrícolas, senón tamén a eficiencia da alimentación animal e cun cambio progresivo na dieta humana (Smil, 2002).

“Entre 1950 e 1995 o exceso de nitróxeno aplicado ás terras de cultivo de Alemaña multiplicouse por 15, pasando de 10 a 150 kg/ha/ano, provocando danos cun custe estimado entre 1250 e 5000 millóns de euros anuais. Co presente estado da ciencia e a tecnoloxía, o problema dos nitratos e o exceso de nitróxeno en Alemaña so se poderá resolver cunha redución significativa na produción animal (Schweigert e vanderPloeg, 2002).