NoticiasVigo grazas a Turismo Rías Baizas recomendamos unha escapada inesquecible: o interior das Rías Baixas

A natureza, o patrimonio e a gastronomía conviven en harmonía no interior da provincia de Pontevedra, garantíndolles ás e aos visitantes unha experiencia única. Observa o verdor dos bosques autóctonos, escoita o rumor dos ríos e admira a beleza e forza das fervenzas. Monumentais mosteiros e encantadoras aldeas tradicionais cruzaranse no teu camiño neste percorrido de conto.
Publicado por o día 12/10/2018 na sección de Turismo

NoticiasVigo grazas a Turismo Rías Baizas recomendamos unha escapada inesquecible: o interior das Rías Baixas

Día 1: mosteiro, bosque autóctono e unha fervenza maxestosa

O teu traxecto comeza en Vila de Cruces cunha visita ao mosteiro de San Salvador de Camanzo, construído en 1166 e do que se conserva a súa igrexa románica. A súa planta é de cruz grega e consérvanse os dous últimos tramos das naves laterais, mentres que na principal os dous primeiros arcos funcionan a modo de muro. Na porta de entrada destacan as figuras de catro anxos cos brazos abertos e no tímpano a imaxe de San Salvador, que bendice as e os visitantes.

Tras esta inmersión na quietude e solemnidade do patrimonio espiritual a ruta lévanos aos Sobreirais do Arnego, unha área declarada Zona de Especial Protección de Valores Naturais (ZEPVN). Alí atoparemos unha das principais masas forestais típicas da franxa atlántica, con influencia mediterránea presente na conca do río Ulla. Como especies máis representativas destacan o carballo e a sobreira.

A gastronomía de Vila de Cruces ten un produto estrela, o Galo de Curral. Décadas atrás os galos medraban en liberdade, circunstancia que facía exquisita a súa carne. Nesta localidade mantívose a tradición e o galo de curral protagoniza unha festa gastronómica declarada de Interese Turístico de Galicia. Para acompañar o manxar unha opción ideal son os viños da subzona Ribeira do Ulla, onde están radicadas as adegas Pazo de Galegos, Adega Valdés, Adegas CastroBrey, Adegas Pazo de Arretén , Gómez y Rial, Pablo García Cebeiro e Solagra.

Sobreirais de Arnego
San Salvador de Camanzo

Balneario da Brea

Conta a historia que os monxes beneditinos do mosteiro de Carboeiro xa usaban as augas mineromedicinais da Brea. A finais do século XIX chegou a fama a un pequeno recinto situado na parroquia de Merza no que recibían a máis de 400 persoas ao ano. Un século despois construíuse o balneario; as súas augas foron declaradas de utilidade pública en 1994. O municipio está rodeado dunhas espléndidas paisaxes, regadas polos ríos Ulla e Deza.

A pouca distancia do balneario atoparás unha paraxe impresionante: a fervenza do río Toxa, que pertence ao municipio de Silleda. O seu salto de auga, o maior de Galicia, ten unha caída de 40 metros. O espectáculo é marabilloso e un miradoiro na contorna permite gozar dunha excelente panorámica.

A viaxe lévanos agora a Lalín , onde se atopa o santuario do Corpiño. A súa historia remóntase ao século VII cando un ermitán, que dedicou a súa vida ao illamento e penitencia, se achou morto no monte Carrio. Na súa memoria construíron unha capela na honra a San Ciprián, coñecida como O Corpiño. Moi preto de alí é obrigada a visita a Santa Eulalia de Losón , templo fundado a mediados do século XII, dunha soa planta basilical. A cúpula do presbiterio ofrece un marabilloso mural dun ceo branco con estrelas azuis.

Balneario de A Brea
Fervenza do río Toxa

Día 2: paraíso natural de camiño ao Versalles galego

Que mellor forma de comezar o día que cun refrescante paseo pola fraga de Catasós, declarada Monumento Natural no ano 2000 e tamén coñecida como Carballeira de Quiroga? É un dos espazos máis significativos da paisaxe interior de Galicia e presenta características botánicas de gran beleza. A súa monumentalidade reside nos castiñeiros e carballos centenarios de ata trinta metros de altitude e diámetros que roldan nalgúns casos os cinco metros, considerados como os máis altos de Europa. Un idílico carreiro enlaza a fraga co pazo de Quiroga, no cal se inspirou Emilia Pardo Bazán para a novela Os pazos de Ulloa.

serra do Candán, que abarca varios municipios de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, está declarada Zona de Especial Protección de Valores Naturais. Esta paisaxe conserva grandes espazos de horizontes abertos con poucos núcleos de poboación.

Tomamos rumbo a Silleda, onde nos espera unha xoia do patrimonio espiritual que respira quietude. Trátase do mosteiro de Carboeiro , cenobio beneditino cuxa fundación data do ano 939 polos condes de Deza, don Gonzalo e dona Teresa, e polos discípulos do mestre Mateo sobre unha pequena ermida chamada Égica. Recordarache á catedral de Santiago, e é que a súa ornamentación está estreitamente vinculada a ela. A finais do século X foi destruído e volto consagrar.

Mosteiro de Carboeiro
Fraga de Catasós

Moi preto está a citada fervenza do Toxa e existe unha ruta natural que a une ao mosteiro: o sendeiro do Deza, recomendable opción para mergullarnos na natureza e patrimonio da zona. Forma parte do Sistema Fluvial Ulla-Deza e participa no proxecto europeo Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria.

A viaxe lévanos agora a un lugar de ilusión, o pazo de Oca, na Estrada. Datado entre os séculos XVII e XVIII é quizais o exemplo máis representativo da arquitectura palaciana típica galega, un conxunto notable pola súa riqueza, tanto arquitectónica coma botánica. Os seus xardíns son coñecidos como o Versalles galego e forman parte da Ruta da Camelia, conxunto declarado Monumento Histórico-Artístico. Na actualidade é propiedade do duque de Segorbe e pertence á Fundación Medinacelli.

Degustación de cocido

Lalín convértese en febreiro na capital mundial deste delicioso prato tradicional. A localidade de Deza celebra a súa Feira do Cocido, unha festa declarada de Interese Turístico Nacional que congrega cada ano a decenas de miles de persoas ao redor desta exquisita e suculenta elaboración culinaria. Unha receita presente durante o outono e o inverno en toda Galicia e que ademais nesta zona inclúe máis dunha ducia de ingredientes que, combinados á perfección, dan como resultado o mellor cocido.

Cocido de Lalín
Xardíns do Pazo de Oca

Día 3: patrimonio, bosque autóctono e industria do xeo

Outro mosteiro, Santa María de Aciveiro, en Forcarei, pode ser o punto de partida da nosa terceira xornada. Esta xoia da arquitectura románica foi construída no 1135 baixo a tutela do rei galego Afonso VII e incorporada á Orde do Císter ao redor do 1170. Foi restaurado en diversas ocasións aínda que se respectou fielmente a estrutura do recinto cenobítico e as pautas arquitectónicas do estilo cisterciense. Declarado Monumento Histórico Artístico en 1931 e considerado Ben de Interese Cultural, foi recentemente rehabilitado e combina á perfección historia, funcionalidade e servizos modernos. O mosteiro está situado a escasos metros da ruta das pontes do Lérez.

Mergullámonos de novo na natureza nas brañas de Xestoso, declaradas Zona de Especial Protección de Valores Naturais. Situadas entre as comarcas de Tabeirós e Deza, constitúen a mellor representación galega de turbeiras acedas de esfagno, un hábitat extraordinariamente raro e fráxil. Ademais da zona húmida, a peculiaridade deste espazo reside na existencia de diversas especies, coma unha pequena poboación de sisón menor, ave característica de hábitats esteparios.

Ao sur, na fronteira da provincia de Pontevedra con Ourense, atopamos as serras do Candán, anteriormente mencionada, e a do Cando. Esta última mostra paisaxes de medias montañas con superficies de matogueiras e pequenas extensións de carballeiras e bosques de ribeira coma os salgueirais.

Santa María de Aciveiro
Brañas de Xestoso

Neveiras de Fixó

Animámoste tamén a percorrer a senda do conxunto de Fixó, a 800 metros de altitude e o de maior importancia en Galicia vinculado á industria da neve no século XVII. Os monxes do mosteiro de Aciveiro almacenábana nestas estruturas circulares en pedra durante meses e transportaban o xeo resultante a Santiago de Compostela para gardalo nos sotos da catedral ou vendelo directamente.

Degustación de richada

A richada é un dos pratos máis aplaudidos da gastronomía de Forcarei e poderás saborealo nun menú configurado polos restaurantes locais da zona. Tenreira galega, cebola, pemento, un bo aceite de oliva e viño do Ribeiro son os ingredientes dunha receita que neste municipio gardan con celo e que forma parte da gastronomía outonal.

Camiño de Santiago

Outra alternativa de viaxe é o Camiño Sanabrés ou Vía da Prata, que pode realizarse en dúas ou tres xornadas no tramo que pasa polo interior da provincia de Pontevedra. Recentemente chegados de Oseira, en Ourense, a ruta xacobea cruza O Castro de Dozón, en cuxas proximidades se atopa o mosteiro e igrexa monacal de San Pedro de Vilanova, unha xoia da arte románica galega do século XII.

A continuación pon rumbo ao centro de Lalín e atravesa carreiros rurais de gran beleza natural. Aquí tamén poderemos visitar a igrexa de San Martiño, que formou parte dun mosteiro fundado no século X. O percorrido continúa en dirección a Silleda, cruzando a ponte medieval sobre o río Deza e facendo un alto nas bonitas igrexas románicas de Fiestras e Ansemil.

Desde Silleda á Ponte Ulla percórrense os últimos 23 quilómetros na provincia. O peregrino asómase a un territorio pródigo de pazos e igrexas. Saíndo do centro de Silleda e en dirección A Estrada, pasará pola parroquia da Bandeira, moi coñecida polas súas saborosas empanadas. Tamén poderá visitar o marabilloso pazo de Oca.

Ponte Taboada Vía da Prata

GASTRONOMÍA

Durante a túa estancia no interior de Pontevedra non perdas a oportunidade de gozar dos seus produtos de calidade:

Produtos con Indicación Xeográfica Protexida (IXP)

TENREIRA GALEGA: en croca ou guisada en calquera dos restaurantes da zona. A raza rubia galega é a tenreira xenuinamente autóctona da zona noroeste peninsular. O selo de calidade de Tenreira Galega garante que os animais foron alimentados correctamente. O resultado? Unha carne de extraordinariamente tenra, á altura dos padais máis exquisitos e esixentes, que buscan sensacións únicas e especiais nunha carne de vacún.

MEL DE GALICIA: é un produto natural e fresco que se produce de forma artesanal desde antano. Nas Rías Baixas o clima é especialmente benigno e suave, con influencia de aires mariños que dan lugar a unha flora rica e variada, permitindo a produción tanto de mel monofloral coma de milflores.

LACÓN GALEGO: é o produto obtido das extremidades dianteiras do porco, tras un proceso de elaboración que comprende as fases de salgado, lavado, asentamento e curado. O consumo de lacón tivo sempre un grande arraigamento en Galicia e nas Rías Baixas. O seu sabor é único e define á perfección a cultura galega.

SIDRA DA ESTRADA: a rabiosa de Callobre e outras variedades autóctonas fixeron da Estrada un dos mellores lugares de España para degustar sidra ecolóxica de alta calidade. No lagar de Ribela ou en Torres de Moreda poderás visitar as maceiras e degustar mesmo edicións limitadas dalgunhas variedades, ademais de gozar de paisaxes únicas.

Lacón Galego