Visitas guiadas e recoñecemento aos lectores máis activos para celebrar o Día do Usuario na Rede de Bibliotecas de Galicia

As bibliotecas centrais territoriais e a Biblioteca de Galicia promoven o 11 de xaneiro unha programación especial para celebrar esta data, que abre o Calendario do Libro e da Lectura 2018
Publicado por o día 08/01/2018 na sección de Cultura

Visitas guiadas e recoñecemento aos lectores máis activos para celebrar o Día do Usuario na Rede de Bibliotecas de Galicia

Con motivo do Día do Usuario/a das Bibliotecas, o 11 de xaneiro, as bibliotecas centrais territoriais das cidades galegas e a Biblioteca de Galicia organizan diversas iniciativas dirixidas a todos os públicos para promover a celebración desta data. Visitas guiadas para coñecer os servizos que ofrece cada centro, recoñecementos para os lectores máis activos, os superlectores, contacontos, obradoiros, mostras ou agasallos para as persoas que se acheguen o xoves ás bibliotecas centran a propostas conmemorativas nos centros que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura.

Co fin de lles render homenaxe aos usuarios e usuarias, parte imprescindible deste servizo a prol da extensión da lectura e da información, as bibliotecas organizan visitas guiadas para quen desexe coñecer as prestacións, espazos e coleccións das bibliotecas. Serán na Biblioteca de Galicia e a Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal e na Antonio Odriozola de Pontevedra ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés ás 10:00 e ás 17:00 horas, na Biblioteca Pública de Lugo e na Juan Compañel de Vigo ás 12:00 e ás 18:00 horas, e na Biblioteca Pública de Ourense ás 10:30 e ás 16:30 horas.

Carnés de superlectores

Os usuarios e as usuarias con máis préstamos durante o 2017, tanto infantís como adultos, recibirán diversos recoñecementos pola súa participación activa. A Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal e a de Lugo noméaos socios de honra. A Miguel González Garcés da Coruña, ademais do nomeamento, agasallaraos con lotes de libros o día 16, que fai extensibles aos usuarios que durante o día 11 leven o máximo de documentos permitido. Na Biblioteca Pública de Ourense faráselles entrega dun carné e un pequeno agasallo aos seus superlectores. A Antonio Odriozola de Pontevedra entrégalles lotes de libros e permítelles levar máis materiais en préstamo ao longo do ano, ao igual que a Juan Compañel de Vigo, na que recibirán un pequeno agasallo.

Pero os superlectores non serán os únicos que poderán levar máis obras en préstamo. Tamén terán ocasión de gozar desta oportunidade durante un día os usuarios e usuarias que o luns 11 de xaneiro se acheguen á Ánxel Casal, á Miguel González Garcés, á Antonio Odriozola e á Biblioteca Pública de Lugo para conmemorar esta data.

Lecturas para agasallar

Tampouco faltarán os agasallos nesta celebración. O día 11, na Cidade da Cultura, a Biblioteca de Galicia agasallará cun libro as persoas que visiten as instalacións. E a Miguel González Garcés da Coruña regalará marcapáxinas a todos e todas os que se acheguen á biblioteca. A Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo sorteará dous lotes de libros o día 12 entre os usuarios e usuarias que utilicen os servizos da biblioteca o día 11.

A programación conmemorativa do Día do Usuario/a complétase con contacontos, todos celebrados ás 18:00 h. e con inscrición previa. Na Juan Campanel de Vigo a actividade será en inglés, Story time for babies: Where do you live? destinada aos menores de 3 anos. Na Biblioteca Pública de Ourense tamén se centran nos nenos e nenas entre 1 e 3 anos, co Chiquiclub: Arroró.

Na Biblioteca Pública de Lugo agardan ao día seguinte, o 12 de xaneiro e céntranse nas relacións de igualdade coa actividade Contos violetas para nenos e nenas de todas as cores, destinada a un público entre 4 e 12 anos. Será ás 18:00 horas, con inscrición previa.

Ademais, na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña celebrarán a efeméride durante varias semanas cunha mostra bibliográfica sobre os documentos máis prestados no ano 2017, que se poderá ver entre o 8 e o 31 de xaneiro no vestíbulo. E o sábado día 13 celebrarán ás 12:00 h. unha actividade que leva por título Aventuras na cociña destinada a un público familiar e que non require inscrición previa.

Próximas celebracións do libro e da lectura

Estas son as principais iniciativas que promoven as bibliotecas de xestión autonómica para festexar o Día do Usuario/a das Bibliotecas, data que abre o Calendario do Libro e da Lectura 2018. Neste mes de xaneiro, a Consellería de Cultura e Educación tamén promove a celebración do Día da Ilustración, que se conmemora o 30 de xaneiro coincidindo coa data do nacemento de Castelao, e que este ano está dedicado ao artista gráfico, escritor e galeguista Camilo Díaz Baliño.

A programación conmemorativa do Día do Usuario/a das Bibliotecas e as datas do Calendario do Libro e da Lectura 2018 poden consultarse en liña na Axenda de Cultura de Galicia, na páxina web https://www.cultura.gal/gl/axenda