15 proxectos emprendedores da UVigo continúan o seu desenvolvemento na plataforma Bridge for Billions

Ata finas de xuño empregarán esta ferramenta para avanzar nas súas ideas de negocio
Publicado por o día 04/06/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

15 proxectos emprendedores da UVigo continúan o seu desenvolvemento na plataforma Bridge for Billions

A declaración da pandemia da COVID-19 truncou o desenvolvemento, entre outras moitas cousas, dos proxectos das e dos emprendedores xurdidos da comunidade universitaria. Co obxectivo de axudarlles a continuar desde a casa as súas ideas de negocio, a Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo puxo a disposición deste colectivo a posibilidade de empregar a plataforma dixital de incubación Bridge for Billions. 15 proxectos nados na institución académica fan uso dela na actualidade no marco desta colaboración.

A iniciativa, explica Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento, xurdiu tendo en conta “a situación sanitaria que estamos vivindo e o impacto que isto está tendo no avance dos proxectos emprendedores que xorden da comunidade universitaria”. As vantaxes que ofrece a plataforma de Bridge for Billions aos seus usuarios, indica, é por un lado o acceso a unha metodoloxía de emprendemento  para que os equipos poidan desenvolver paso a paso o seu plan de negocio e produto mínimo viable, coa axuda dunha rede de mentores, e o acceso a unha comunidade global de emprendedoras e emprendedores nunha plataforma dixital que “ten un marcado aceno colaborativo e social”.

Froito da colaboración da institución académica coa empresa de Bridge for Billions, a súa plataforma está accesible para as e os emprendedores da comunidade universitaria desde principios de maio e ata o 30 de xuño. “Na actualidade, están facendo uso desta plataforma 15 proxectos emprendedores da Universidade de Vigo e participan 42 emprendedores e nove mentores. Dos proxectos, nove pertencen ao Programa Incuvi-Emprende, un ao Programa Incuvi-Avanza e os demais son iniciativas empresariais que estaban madurando como parte doutras materias e programas da UVigo”, indican desde Área de Emprego e Emprendemento.

Unha experiencia positiva

Entre as e os emprendedores que están a facer uso desta ferramenta están Eva López, que participa xunto a Raquel Gómez no Programa Incuvi-Avanza co proxecto de cooperativa de consultaría ambiental SomosTerra, e Nicolás Fernández, beneficiario xunto a Nuria Berroquero do Programa Incuvi-Emprende co proxecto EcoDiscards, de valorización de descartes de peixe xerados pola flotas pesqueiras a partir da súa conversión en bionerxía. “Como parte do proceso de incubación, recibimos formación e titorización por parte do equipo de BluBusiness, a fin de transformar a nosa idea inicial de negocio en algo tanxible e que se poida levar á práctica. Durante estes últimos meses, aos membros de Incuvi propuxéronnos participar ademais na plataforma de Bridge for Billions para contar cunha ferramenta máis de cara á realización dun plan de negocio”, explica Nicolás Fernández. Nesta plataforma virtual, detalla o emprendedor, desenvolven oito módulos interactivos de diferente temática, un semanal, ata obter un plan de negocio que posteriormente se poida expor de cara á obtención de financiamento. Salientando como se trata dunha ferramenta moi visual e sinxela, Nicolás Fernández indica como “estamos aprendendo aspectos que non coñeciamos sobre o emprendemento e estanos axudando a ver as cousas doutra forma. Non é fácil trasladar un negocio desde o mundo das ideas ao mundo real e menos na situación de incerteza que se creou coa pandemia, pero desde logo sentímonos moi afortunados de contar con todo este apoio e todas estas ferramentas para poder conseguilo”.

Pola súa banda, Eva López explica como “decidimos usar a plataforma porque, como consecuencia da crise sociosanitaria, vímonos na situación de ter que reaxustar o noso modelo de negocio de cara a un negocio on line. A nosa actividade empresarial viuse completamente afectada polo confinamento, por iso tomamos a decisión de apostar por validar unha nova liña de negocio para ofrecer os nosos servizos en modalidade on line”. Bridge for Billions, detalla, permítelles seguir unha formación estruturada en módulos “a través dos cales imos respondendo preguntas concretas que nos permiten analizar a nosa idea de negocio”. Entre os seus beneficios, esta emprendedora, ao igual que Nicolás Fernández, recalca como “ponos en titorización cun mentor co que mantemos unha reunión semanal e que, ao mesmo tempo, revisa as nosas achegas á plataforma”.

Entre esas e eses mentores está María Ángeles Pariente, profesora asociada do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da UVigo que conta no seu curriculum coa experiencia de emprender ela mesmo o seu propio proxecto empresarial. O seu labor de mentor, detalla, consiste en revisar e validar o traballo das e dos emprendedores na plataforma, darlles ideas e comentarios e guialos e motivalos no seu camiño. “Con Bridge for Billions déusenos a oportunidade de seguir apoiando a estudantes con gañas de emprender baixo un paraugas tecnolóxico perfectamente estruturado que facilita enormemente o labor de orientación de forma remota”, comenta. Neste labor de mentora, María Ángeles Pariente salienta como da súa experiencia emprendedora “comprendín o valor de contar con profesionais que che apoien e estean ao teu lado, compartindo a súa experiencia e coñecemento, para que a teñas en consideración á hora de tomar as túas propias decisións”.