A Deputación de Pontevedra lanza dúas novas campañas en liña de promoción turística para poñer en valor o patrimonio da provincia

“As Rías Baixas visítante” empregará vídeos informativos en redes sociais sobre monumentos e paisaxes para dar a coñecer os activos turísticos de Pontevedra
Publicado por o día 28/05/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Turismo

A Deputación de Pontevedra lanza dúas novas campañas en liña de promoción turística para poñer en valor o patrimonio da provincia

A Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas exploran novas fórmulas para seguir promovendo a provincia de Pontevedra e as Rías Baixas no actual contexto provocado pola COVID-19. Deste xeito, nos próximos días o ente provincial poñerá en marcha dúas novas accións destinadas a promocionar de xeito virtual os principais activos turísticos da provincia ata que se poidan retomar as visitas regulares desde o exterior. Estas dúas campañas, “As Rías Baixas visítante” e “Viaxe ao pasado”, teñen como obxectivo facilitar aos turistas a información relacionada co patrimonio de Pontevedra e fomentar as visitas aos seus atractivos principais.

A primeira das campañas, “As Rías Baixas visítante”, consiste na organización de visitas guiadas virtuais a algúns dos monumentos ou recunchos naturais máis singulares da provincia. Así, unha informadora turística da institución provincial faralle chegar ao público a historia de cada recurso a través de breves e interesantes vídeos que se difundirán nas redes sociais de Turismo Rías Baixas e da Deputación de Pontevedra.

Estas visitas guiadas virtuais programaranse os mércores e venres, ás 10 da mañá, a partir do 27 de maio nas redes sociais corporativas. Os vídeos estarán posteriormente accesibles na canle de YouTube de Turismo Rías Baixas. O antigo santuario do monte do Facho (Cangas), o bosque de Colón (Poio) ou a mámoa do Rei (Vilaboa) son algúns dos lugares que o público percorrerá virtualmente da man dunha guía especializada e desde a comodidade do seu fogar. “Queremos que as e os turistas virtuais poidan seguir as explicacións en vivo sobre o destino Rías Baixas dunha maneira instantánea e amena. Xa que non poden vir visitarnos, nós levámoslles a provincia directamente á súa casa”, explican desde Turismo Rías Baixas.

Un destino con moita historia

Tamén se recorrerá ás redes sociais de Turismo Rías Baixas para convidar o conxunto da cidadanía e persoas de fóra interesadas en visitar a provincia de Pontevedra a realizar unha interesante “Viaxe ao pasado” aproveitando o valioso material histórico que custodia o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico do arquivo provincial. Trátase de ilustrar monumentos, vilas termais ou espazos declarados bens de interese cultural das Rías Baixas por medio de vídeos, postais, fotografías e publicacións históricas que se conservan en bo estado.

A partir do 1 de xuño a Deputación de Pontevedra convidará así ó público a redescubrir a historia desta terra e os segredos dalgúns dos seus recunchos máis singulares a través das súas redes sociais e da web de Turismo Rías Baixas.

A intención é aproveitar este inxente material para trasladarlle de forma moi gráfica á cidadanía que a provincia de Pontevedra é un destino turístico cunha longa traxectoria de excelencia e arraigados costumes e tradicións que se mantiveron intactos e que se poden gozar hoxe en día. A campaña tratará de mostrarlles á veciñanza da provincia e ás potenciais visitas o antes pero tamén o agora das vilas mariñeiras das Rías Baixas, a transformación de barrios pesqueiros como O Berbés (Vigo) ou as orixes da vila termal por excelencia, Mondariz, e do antigo Gran Hotel Mondariz.

A posta en marcha destas dúas campañas supón un paso máis na aposta da Deputación de Pontevedra pola desestacionalización e internacionalización do turismo da provincia, posto que se achega información sobre monumentos, espazos e activos que poden ser gozados ao longo do ano.