“Europa vive un momento particularmente vibrante pero non menos turbulento”. Deste xeito iníciase o apartado de conclusións do número monográfico da revista Tempo Exterior, que o Instituto Galego de Documentación Internacional (Igadi) dedica á segunda edición do Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, que este instituto promoveu xunto coa Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo. O volume, presentado este luns na Casa das Campás, recolle os relatorios presentados o pasado mes de setembro no congreso celebrado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación baixo o título de Repensar Europa desde aquí, xunto coas conclusións deste foro, nas que o comité de dirección pon de relevo que, nun contexto de “encrucillada”, a Unión Europea debe “construír cidadanía, fortalecéndoa a través dunha identidade compartida e comprometida cos valores democráticos”.
O ex-deputado no Parlamento Europeo Camilo Nogueira; a directora da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos; a directora de EsGlobal, Cristina Manzano; o presidente do Instituto Choiseul España, Eduardo Olier e investigadores e investigadoras das tres universidades galegas son os autores e autoras das 15 conferencias defendidas neste congreso e recollidas neste libro de actas que se completa con dúas comunicacións convidadas e que nesta xornada foi presentado polo director do Igadi, Daniel González Palau, e os investigadores da Área de Ciencia Política e da Administración e co-directores do congreso, Celso Cancela e Álvaro Xosé López Mira. “Con este número pechamos as actividades vinculadas ao congreso e desde o Igadi valorámolo con moita alegría, porque supón un traballo en profundidade arredor do panorama actual europeo”, salientou González Palau da entrega número 35 de Tempo Exterior, que, como engadiu Cancela, ve a luz nun “momento moi acaído e moi controvertido”, marcado polo Brexit, o resultado das eleccións italianas e “os conflitos con países como Polonia ou Hungría, que ás veces pasan un pouco máis desapercibidos”.
Combater o “desapego” ao proxecto comunitario
A crise económica ten “cuestionado seriamente a viabilidade” do proxecto de integración europeo e contribuído ao xurdimento de “expresións políticas extremistas, euroescépticas e antieuropeístas”, que denotan “síntomas de descontento social”, saliéntase nese mesmo senso nas conclusións desta publicación, na que o comité de dirección do congreso propón “unha reflexión do que foi o conxunto das mesas e do estado da cuestión do congreso”, como explicou o director do Igadi. Conclusións na que se chama por unha banda á “construír cidadanía”, pero tamén “políticas públicas” que contribúan a superar ese “desapego cívico do ideal comunitario”. Nese senso, subliñan que a crise non debe “converterse nunha escusa” para a “progresiva desarticulación do Estado de benestar”, ao tempo que inciden en que a inmigración “debe ser observada como unha expresión da multiculturalidade propia da sociedade europa”, en lugar de como unha ameaza, do mesmo xeito que inciden que o proxecto de integración debe atender “as novas demandas e expectativas que van xurdindo dunha sociedade de por si cambiante”.
Así mesmo, o comité de dirección do congreso pon de relevo que o Brexit pode servir tamén “como un factor estimulador” para redefinir as bases do proxecto europeo, ao tempo que pon tamén o acento na necesidade de definir unha “política exterior e de seguridade autónoma” e en que a UE debe “erixirse como un actor chave, provedor de consenso” nos seus contextos estratéxicos.
A lusofonía, próximo foco de análise
Tras facer balance con esta publicación da segunda edición deste congreso, “a da súa consolidación”, os seus organizadores contemplan xa a posibilidade dun terceiro Congreso de Estudos Internacionais que tería como eixo a lusofonía. “Nada reflexa mellor ese ‘desde Galicia para o mundo’, que eses cinco continentes aos que os galegos e galegas nos podemos trasladar e ser entendidos”, salientou López Mira respecto do que sería o eixo dunha nova edición. Un ámbito de análise, engadiu, “que encaixa perfectamente nos obxectivos do Igadi, pero tamén nos das institucións colaboradoras (Concello, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia) e os da propia Universidade e da Área Política e da Administración”, responsable tamén da organización, no campus de Ourense, co Congreso Euroamericano de Dereito e Política, lembrou este docente, que aludiu tamén ao convenio de dobre titulación coa Universidade de Sao Paulo que permitiu que preto de 40 estudantes brasileiros estudasen no campus Dirección e Xestión Pública nos últimos cinco anos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.