A Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible foi aprobada pola Asemblea das Nacións Unidas en 2015 e constitúe unha folla de ruta asinada por 193 países de cara a unha transformación profunda do planeta Terra a través dun crecemento económico inclusivo, unha maior cohesión e xustiza social e un horizonte ambiental sostible. Esta axenda comprende 17 obxectivos de desenvolvemento sostible, coñecidos como ODS, que acompañan de 169 metas que deben inspirar as políticas públicas postas en marchas polas administracións públicas dos estados implicados, incluíndo tamén ás universidades.
Pero a realidade é que, a pesar de que a Axenda 2030 é unha prioridade para a Universidade de Vigo, entre o estudantado universitario o coñecemento sobre esta axenda é escaso. Así co recoñece Xosé Mahou, director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación, que decidiu poñer en marcha un programa de voluntariado para que sexan os propios estudantes os que se encarguen de difundir, explicar e divulgar os contidos da Axenda 2030 e os 17 ODS entre os seus compañeiros e compañeiras. E é que como o propio Mahou explica, “é dos gobernos e da propia cidadanía de quen depende que en 2030 teñamos un planeta vivo, unha economía sostible, unha sociedade máis xusta e persoas que vivan de xeito digno”.
Así, o alumnado voluntario será o encargado de desenvolver entre febreiro e abril de 2020 e nos tres campus unha campaña informativa, que comprenderá postos e stands, actividades divulgativas e obradoiros.
Curso de formación previo
Para saber facer fronte a estas actividades de sensibilización as persoas voluntarias participarán nun curso de formación previo de 30 horas de duración. Será eminentemente práctico e impartirase entre outubro e novembro contando con tres módulos principais: introdución á Axenda2030, os ODS das persoas e os ODS do planeta. “Entre outros contidos formaranse sobre igualdade, protección do planeta ou desenvolvemento sostible e inclusivo”, engade Xosé Mahou. A inscrición é de balde e está aberta ata o 8 de outubro a través de Bubela.
A Axenda 2030, unha prioridade para Universidade
Mahou recoñece que a UVigo considera a Axenda 2030 unha liña estratéxica. “Poñer en marcha políticas que contribúan a un desenvolvemento sostible e respectuoso coa contorna, trasladar estes retos ás aulas e fomentar investigación centrada no seu estudo é unha tarefa inescusable que os corresponde a toda a comunidade universitaria”, pero tamén asumen que o coñecemento da Axenda é moi reducido, “en especial, entre o estudantado”. Neste sentido, considera que “a mellor forma de facela visible é levala directamente ás portas das aulas e contando cun corpo de voluntariados que a dean a coñecer en cada campus con fundamento e enerxía”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.