A Xunta de Galicia vén de abrir unha nova convocatoria de axudas que ten como obxectivo favorecer a contratación de persoas técnicas especialistas en organismos intermedios para que proporcionen asesoramento ás pemes galegas en materias relacionadas coas novas necesidades xurdidas ao fío do escenario socioeconómico xerado pola covid-19.
O Goberno galego destinará un total de 8M€ a estas axudas ás que poderán acollerse asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais e de carácter tecnolóxico; consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica; agrupacións industriais empresariais; clústers empresariais e asociacións de persoas autónomas. Os interesados teñen aberto o prazo de solicitude -que será telemática- ata o 10 de agosto.
Os organismos intermedios que resulten beneficiarios poderán contratar -durante un período de 8 meses- persoas técnicas superiores e profesionais especialistas, que sexan desempregadas, para que proporcionen asesoramento en captación de financiamento e xestión financeira da empresa, relanzamento comercial, transformación dixital e asesoramento tecnolóxico, prevención de riscos laborais, apoio na implementación de proxectos e ferramentas de teletraballo, plans de continxencia na produción e na cadea loxística e apoio nos procesos de selección de persoal. A contía das axudas, en concepto de incentivo por persoa contratada, establécese en función da súa titulación e grupo de cotización e poderá variar entre os 10.000 e os 13.500 euros.
Esta novidosa liña de axudas enmárcase na nova Axenda de Emprego de Galicia, froito da redefinición das políticas da Xunta en materia laboral para adaptarse á situación creada pola covid-19. En concreto, forma parte das medidas que teñen como obxectivo reactivar a actividade do tecido empresarial e facilitar a transición das pemes galegas cara o novo contexto laboral. Neste sentido, detectouse que, tras a suspensión da actividade provocada polo estado de alarma, as empresas teñen novas necesidades non só de apoio económico directo, senón tamén de asesoramento inmediato e especializado en diversas materias. Estas axudas tratan de dar resposta a esta demanda a través da colaboración co tecido asociativo empresarial da Comunidade.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.