A Xunta convocan 30 novos cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega

O prazo de matrícula nos niveis medio e superior tanto dos cursos de linguaxe xurídica como dos de linguaxe administrativa remata mañá 3 de xaneiro
Publicado por o día 02/01/2019 na sección de Cultura

A Xunta convocan 30 novos cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convocan 30 novos cursos de formación, presenciais e en liña, en linguaxe administrativa e xurídica galega de niveis medio e superior.

A oferta formativa da nova convocatoria inclúe un total de 800 novas prazas, das que 750 se destinan á formación do persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia e as restantes a persoal da Administración de xustiza que preste servizos fóra de Galicia.

A inscrición, que se xestiona a través da zona de matrícula da EGAP, está aberta ata as 14,00 horas do día 3 de xaneiro de 2019. Toda a información está disponible no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

A oferta formativa da nova convocatoria inclúe 800 prazas distribuídas en 30 cursos que se desenvolverán en edicións de 25 prazas cada unha. Estes cursos terán lugar en dúas quendas: a primeira, de xaneiro a marzo, con 14 cursos; a segunda, de setembro a novembro, con 16.

Para o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, institucións e entidades públicas instrumentais do sector autonómico ofrécense 22 cursos de linguaxe administrativa galega. Deles, nove son de nivel medio –oito na modalidade de teleformación e o restante, presencial– e 13 de nivel superior –dous presenciais e 11 en liña–.

O persoal da Administración de xustiza de Galicia e outros colectivos relacionados coa xustiza teñen unha oferta de dous cursos de teleformación en linguaxe xurídica galega, un de nivel medio e outro de nivel superior. O mesmo sucede co persoal da Administración de xustiza que presta servizos fóra da Comunidade Autónoma Galega.

Tamén na modalidade de teleformación, terán cadanseu curso de linguaxe administrativa galega de nivel medio e de nivel superior cada un dos colectivos seguintes: persoal das entidades locais de Galicia e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades de Galicia.

Formación a prol da normalización lingüística

Os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega están dirixidos a reforzar a capacitación lingüística en galego do persoal ao servizo da Administración, dándolles formación específica aos traballadores e traballadoras públicas na súa lingua de especialidade, o que implica un maior afondamento en aspectos gramaticais e terminolóxicos particulares, así como en cuestións de redacción e de estilo a partir do traballo coa documentación propia de cada nivel, tanto na oralidade coma na escrita.

Con esta formación específica en galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca actualizar e formar o persoal para que incremente a competencia técnica nesta lingua e garantir o emprego dun galego de calidade e dunha linguaxe clara cos administrados/as, a prol dun avance na normalización lingüística do galego desde o ámbito da Administración, tal e como sinala o Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia en 2004.