O BOPPO publica hoxe as bases da liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro para promover, fomentar e difundir actividades culturais no marco do Ano da Música. Estas axudas, que deben ser solicitadas obrigatoriamente por vía electrónica, están dotadas cunha partida orzamentaria de 230.000 euros e o prazo de solicitude pecharase o 15 de abril. Poderán presentar solicitudes as entidades culturais sen ánimo de lucro que organicen actividades no seu ámbito territorial e, excepcionalmente, fóra do mencionado ámbito cando sexan relevantes para os intereses provinciais, mais todas as actividades obxecto de subvención deben ser realizadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do presente exercicio.
A nivel xenérico serán prioritarias aquelas accións que se orienten a mellorar a calidade das manifestacións culturais e, en especial, as dirixidas á reivindicación e difusión do patrimonio material e inmaterial da provincia de Pontevedra, e que contribúan á difusión, mantemento e recuperación da nosa cultura e tradicións. A convocatoria tamén detalla seis tipoloxías concretas de actividades que poden ser obxecto de financiación: xornadas e eventos relacionados coa memoria histórica; actividades relacionadas co patrimonio histórico-artístico, arqueolóxico e natural; actividades para a posta en valor do patrimonio inmaterial propios de vilas e/ou comarcas da provincia, tales como costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos; festivais, mostras, encontros e certames culturais; certames e actividades de posta en valor da pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada; e intercambios culturais para potenciar o patrimonio musical.
A concesión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, segundo catro criterios recollidos nas bases. O criterio con máis puntuación é o orzamento total da actividade, para o que se contemplan ata 40 puntos. A adecuación da actividade ao interese provincial puntuará con ata 25 puntos; a difusión da actividade atendendo ao ámbito local, provincial, nacional ou internacional, con 20 puntos ; e a porcentaxe solicitada de financiamento con 15 puntos. Tamén se terán en conta as persoas participantes e as que se beneficien da actividade, o fomento da lingua galega na súa realización, e o fomento da igualdade entre homes e mulleres.
Desta liña de axudas quedan expresamente excluídas as actividades que se realizan ao longo de todo o ano, xa que deben ser actividades concretas, para as que se deberán que indicar lugar e data de realización. Tamén quedan excluídas as actividades subvencionadas noutras convocatorias ou plans provinciais; os gastos de funcionamento e os gastos correntes das entidades; as viaxes de lecer, festas gastronómicas e festas populares; e os gastos gastronómicos agás cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para o seu desenvolvemento.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.