Por terceiro ano consecutivo, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acollerá este verán unha nova edición do Módulo Jean Monnet sobre a protección dos dereitos fundamentais na Unión Europea, unha oportunidade coa que o centro busca aproximar ás persoas interesadas nesta materia a cuestións avanzadas arredor dos mecanismos de protección dos dereitos fundamentais no ordenamento xurídico europeo, especialmente os xurisdicionais.
O curso, totalmente gratuíto e aberto ao público en xeral, volverá reunir no centro arredor de medio cento de estudantes de diferentes titulacións do ámbito xurídico e social, tanto de grao como de posgrao, operadores xurídicos, activistas en dereitos humanos e público en xeral. “Pola experiencia de anos anteriores ten asistido, sobre todo, alumnado da facultade, tanto do grao como dos distintos posgraos, particularmente do Mestrado de Avogacía, pero non só. Ademais, acostuman participar tamén numerosos profesionais máis aló do ámbito xurídico, así como alumnado procedente de titulacións como Psicoloxía e Tradución e Interpretación”, explica o profesor Ángel Aday Jiménez, administrador dunha acción que dirixe a decana da facultade, Almudena Bergareche, e do que tamén forma parte, como coordinadora de investigación, a profesora Carmen Montesinos.
As clases arrancarán o vindeiro luns, día 17, e prolongaranse ata mediados de xullo, con diferentes sesións de catro horas cada unha. “Este ano o módulo é de 48 horas e contamos coa participación de profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidad Carlos III de Madrid e da Universidade de Coimbra, ademais da propia Universidade de Vigo”, explica Ángel Aday Jiménez, que fai tamén fincapé en que algúns deles contan con experiencia nas máis altas instancias xurisdicionais, como o Tribunal Constitucional. “Cremos que é unha grande oportunidade para adquirir unha formación á que non é fácil acceder, sen esquecernos de que é totalmente de balde”, recalca o docente, quen tamén lembra que esta é a última edición do curso xa que os módulos Jean Monnet, financiados pola Comisión Europea mediante o programa Erasmus Plus co obxectivo de ofrecer cursos sobre cuestións específicas da UE, teñen unha duración de tres anos.
Seminarios teóricos e prácticos
En total levaranse a cabo 11 sesións, cinco no mes de xuño e seis en xullo, que correrán a cargo dunha ducia de docentes. Da inauguración, o vindeiro luns ás 16.30 horas, encargarase o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela Roberto Blanco Valdés, que fará unha aproximación xeral á protección dos dereitos en Europa, temática que continuará ao día seguinte a profesora da Universidad Carlos III de Madrid Itziar Gómez, que se centrará sobre todo no tema dos orixes e os instrumentos. A igualdade e o principio de non discriminación, os dereitos das persoas maiores, a orde europea de detección e entrega, o dereito á saúde, as prohibicións da tortura e a escravitude e os novos retos para a protección dos dereitos humanos en Europa, son outros temas que se tratarán tamén ao longo do curso.
Por parte da Universidade de Vigo participarán no curso, ademais dos propios membros do comité organizador, os docentes Esther Pillado, Pablo Grande, Antonia Arias e Tamara Martínez. As persoas interesadas en inscribirse nesta acción están aínda a tempo de facelo na propia web do módulo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.