As probas de acreditación do Celga retoman o seu prazo de inscrición e adíanse a setembro e outubro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o novo prazo de inscrición que estará aberto desde mañá ata o vindeiro 16 de xuño
Publicado por o día 27/05/2020 na sección de Formación,Xunta de Galicia

As probas de acreditación do Celga retoman o seu prazo de inscrición e adíanse a setembro e outubro

As probas de acreditación do Celga retoman o seu prazo de inscrición interrompido por mor do coronavirus e retrasa as datas de exame ata setembro e outubro, sempre que a evolución da crise sanitaria permita desenvolvelas en condicións de seguridade. O novo prazo de inscrición, que estará aberto desde mañá ata o vindeiro 16 de xuño, publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia.

As probas celebraranse en Santiago de Compostela, que acollerá os niveis de Celga 1, 2, 3 e 4, e Ponferrada, onde se celebrarán exames dos nives 2, 3 e 4, nos meses de setembro e/ou outubro e o calendario de datas correspondente cada un dos niveis será debidamente comunicado tanto a través do DOG, como no Portal da Lingua Galega e nas canles informativas habituais da Consellería de Cultura e Turismo, no que, coma sempre, tamén se publicarán as listaxes provisionais e definitivas de persoas admitidas.

Deste xeito, o prazo para solicitar a participación nos exames oficiais e aboar as taxas correspondentes comeza mañá, 28 de maio, e prolóngase ata o vindeiro 16 de xuño. As persoas que desexen inscribirse deben cubrir o formulario de solicitude habilitado desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.

Cómpre indicar na solicitude a proba ou probas ás que se solicita presentarse, así como a localidade, e dirixila á Secretaría Xeral de Política Lingüística preferentemente por vía electrónica. As persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33% están exentas do pago de taxas e, no caso de necesitaren algún tipo de axuda ou apoio para realizaren a proba, deben especificalo na mesma solicitude.

O sistema Celga

O Celga é o certificado oficial en lingua galega que expide a Xunta de Galicia desde o ano 2007 e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.