Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, encara a súa penúltima semana con ritmos contundentes de tres bandas enteiramente femininas, con estilos moi distintos, que veñen pisando forte. O xoves subirán ao Escenario Alhambra as galegas Agoraphobia, coa súa efectiva mestura de garage, indie e punk rock. O venres será o turno das composicións rebeldes e tropicais das Kumbia Queers, mentres que o sábado volvemos cambiar de rexistro coas catalás Las Migas e o seu flamenco fresco e desenfadado.
A forza escénica, as ricas melodías e as letras cargadas de ironía de Agoraphobia chegan ao Gaiás avaladas por un sólido directo que non para de soar en diversos festivais e de recibir eloxios da crítica polas súas cancións redondas, nas que este cuarteto de Boiro saca o mellor ruído que leva dentro. Desde as súas orixes nas que unhas amigas do instituto compartían o seu gusto polo punk e as ganas de facer música ata a actualidade, Agoraphobia leva unha longa traxectoria que inclúe recoñecementos como os Premios Martín Códax da Música, o VodafoneYu Music Talent, o Son Rías Baixas ou o Música Xove. O seu rock escuro e contundente, tinguido de sons do garage, do punk e do indie, soará o xoves 8 de agosto a partir das 21,00 horas no Atardecer no Gaiás, confirmando así a aposta do ciclo unha edición máis polas voces femininas, que continúa ao longo desta semana.
Así, o venres 9 serán as raíñas do tropipunk as encargadas de pórlle banda sonora ao caer do sol na Cidade da Cultura co seu show explosivo e salvaxe. Chegadas desde a Arxentina, as rebeldes Kumbia Queers nacían hai xa 12 anos versionando e adaptando letras de grupos como The Cure, Black Sabbath ou Ramones para contar historias de mulleres e criticar, con humor e en versión cumbia, temas tan serios como a violencia machista. Son todo un referente para a comunidade LGTBI polas súas composicións que nos falan de aceptar o diferente e as súas letras cargadas de humor e de mensaxe acompañadas dos ritmos cálidos e apegadizos da cumbia e música tropical.
O sábado 10 de agosto pecharán esta penúltima semana de Atardecer no Gaiás as catalás Las Migas. Tras unha xira internacional con Vente Conmigo, seleccionado nos Latin Grammy, esta banda da que formou parte Silvia Pérez Cruz volve cun novo traballo –Cuatro– no que retoma as cancións máis coñecidas dos seus inicios, tinguindo de sons electrónicos o seu flamenco característico. E é que quince anos despois da súa fundación, este cuarteto que se autodefine como “catro mulleres músicas, guerreiras e viaxeiras” é xa un pequeno clásico do flamenco valente e alegre, sempre reinterpretado á súa maneira fresca e descarada.
Pese a que esta semana se prevé un tempo algo avolto, a choiva non será motivo de suspensión de ningún concerto de Atardecer no Gaiás. No caso de que, por motivos meteorolóxicos, as actuacións non poidan celebrarse ao aire libre na Praza Central, os concertos trasladaranse a un espazo interior no complexo da Cidade da Cultura.
Recta final dos concertos ao solpor no Gaiás
Estes tres concertos forman parte das 20 actuacións que, con entrada de balde, compoñen Atardecer no Gaiás, que se está a celebrar na Praza Central da Cidade da Cultura ata o 17 de agosto. Esta edición continúa a darlle visibilidade aos ritmos que triunfan na actualidade entre a xente máis nova, e tamén as formacións galegas, como é o caso non só de Agoraphobia, senón tamén de Laura Lamontagne, Soulmacklein, Berta Franklin e Malraio -que actuaron nas pasadas semanas- e De Vacas ou Best Boy, que tocarán na vindeira semana, a derradeira este 2019 de solpores musicados no Gaiás.
Toda a información de grupos e artistas está dispoñible en www.cidadedacultura.gal e en www.atardecernogaias.gal.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.