Carlos Nogueira, investigador da Cátedra José Saramago, recibe o prestixioso Premio de Ensaio Jacinto do Prado Coelho

Recibirá o galardón o vindeiro día 30 de outubro na sede da Biblioteca Nacional de Portugal
Publicado por o día 15/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Carlos Nogueira, investigador da Cátedra José Saramago, recibe o prestixioso Premio de Ensaio Jacinto do Prado Coelho

Carlos Nogueira, investigador da I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo (CJS), acaba de ser galardoado co prestixioso Premio de Ensaio Jacinto de Prado Coelho polo seu libro Resposta a Italo Calvino. Clássicos da Literatura, editado pola libraría portuguesa Lello e a CJS, unha obra de ensaios na que se “alonga o horizonte dos estudos literarios ao analizar, con igual dignidade hermenéutica, tanto os clásicos universais da literatura infantil e xuvenil como a obras de diversos autores portugueses que se dedicaron a esta práctica literaria e do que O Conto da Ilha Desconhecida de José Saramago é un dos seus exemplos máis representativos”, tal e como se lee na xustificación do xurado.

“Estar asociado ao nome de Jacinto do Prado Coelho (1920-1984) é para min un enorme orgullo, pois este profesor da Universidade de Lisboa está entre os mellores ensaístas do mundo, e non esaxero, e sempre foi para min unha referencia”, explica Nogueira, ao tempo que fai fincapé en que non é “nada doado” recibir un premio que xa lle foi atribuído a ensaístas como Eduardo Lourenço, “o maior ensaísta portugués e un dos mellores do mundo, sen dúbida, cunha obra asombrosa ao nivel, ou superior, da de George Steiner, por referirme apenas a un nome a quen ninguén regatea méritos”, explica o investigador premiado, ao tempo que fai fincapé en que fai estas afirmacións “con toda a modestia, porque o nivel deles é inigualable”.

É un dos autores máis novos ao que lle foi outorgado este galardón

Ademais de a Eduardo Lourenço, o prestixioso premio foi xa atribuído a autores como Óscar Lopes, Vítor Manuel de Aguiar e Silva, Carlos Reis, Helena Buescu, Clara Rocha ou María Alzira Seixo. “Para min resulta moi grato saber que son o máis novo ou un dos máis novos no intre de recibir este premio que ten sido atribuído, sobre todo, a ensaístas con 60, 70 e máis anos, e eu estou aínda na casa dos 40”, apuntou Nogueira, quen tamén fai fincapé en que é un premio integramente patrocinado polo Ministerio de Cultura de Portugal, “o que constitúe outro motivo de satisfacción”.

Outorgado pola Asociación Portuguesa de Críticos Literarios, pertencente á Asociación Internacional de Críticos Literarios, a entrega do galardón terá lugar o vindeiro día 30 de outubro, a partir das 17.30 horas, na Biblioteca Nacional de Portugal, en Lisboa. “Ademais da importante contribución que achega á comprensión da escritura para a xente nova, este libro tamén se centra nunha serie de contos populares, converténdoos en obxectos de estudo atento e innovador”, explica sobre o libro a resolución do xurado, composto polos profesores e escritores Ana Mafalda Leite, Liberto Cruz e Miguel Real.

O libro premiado divídese en 15 capítulos, 15 ensaios sobre diferentes obras que teñen sido ou poden ser consideradas no canon dos clásicos da literatura infantil e xuvenil e que inclúen, entre outros, os contos dos irmáns Grimm, nomes como Heidi ou Peter Pan, pasando por Alexandre O’Neill, Emília de Sousa Costa, José Saramgago, Álvaro Magalhães ou António Mota. Os contos populares e as lendas, os amores xuvenís, a morte na literatura infantil portuguesa ou o humor nos libros para a infancia, son outros temas que forman parte do amplo abano de cuestións que se abordan na obra.

O premio é tamén un recoñecemento internacional ao traballo da Cátedra José Saramago

Profesor, escritor e ensaísta, Carlos Nogueira ten recibido xa diferentes galardóns, entre eles, o premio Internacionalización da produción científica da Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa por diferentes artigos publicados en revistas indexadas no índice internacional ISI Web of Knowledge, así como tamén o Premio Montepío de Ensaio(tres veces).

“Para nós contar cun investigador de tan recoñecido prestixio como é Carlos Nogueira é algo que nos enche de orgullo”, explica dende a dirección da Cátedra Internacional José Saramago o profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Burghard Baltrusch, quen recalca que este premio “tamén recoñece, aínda que indirectamente, o intenso traballo a prol da retención de talentos que fomos levando a cabo nos últimos anos”, recalca o director da cátedra, ao tempo que lamenta a falta de financiamento por parte da UVigo. “Este recoñecemento internacional do traballo da CJS tal vez poida axudar a que, a curto ou medio prazo, o goberno da Universidade de Vigo aposte por un apoio máis decidido dun núcleo de I+D+i internacional que puido acoller a coste cero e que promoveu, e continúa a promover, o nome da universidade polo mundo fóra”.