Carmela Silva pídelle ao delegado do goberno que esixa transparencia á Xunta sobre o destino dos 735 millóns de euros extraordinarios transferidos polo estado

Javier Losada deu conta do cumprimento de tódalas actuacións acordadas en 2018 e informou do gasto estatal de 2.572 millóns de euros no “escudo social” na provincia
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, celebraron unha nova xuntanza para reforzar a cogobernanza entre ámbalas dúas institucións e facer un repaso dos asuntos pendentes na provincia de Pontevedra dende que no verán de 2018 comezou esta nova andaina de colaboración institucional. A xuntanza, por mor das restricións da pandemia, celebrouse en formato telemático. Carmela Silva preguntou ao delegado polo importe das transferencias extraordinarias recibidas pola Xunta dende o comezo da pandemia, ao que Javier Losada detallou que os recursos recibidos polo Goberno galego dende o Estado alcanzan xa os 735 millóns, dos que 224 millóns están directamente dirixidos a mitigar os efectos económicos, outros 93 millóns a reforzar a Educación pública e, finalmente, 418 á Sanidade pública.

Á luz destes datos, a presidenta da Deputación pediu que o Goberno de España esixa que a Xunta de Galicia ofreza información transparente e detallada do destino destes 735 millóns de euros, “e máis aínda porque non está a chegar nin un só euro deses recursos extraordinarios ao mundo local, cando as entidades locais somos as que xestionamos o día a día e as demandas da cidadanía”. Engadiu que outras comunidades autónomas si apuntalaron á administración local, mentres a Xunta optou pola vía contraria, abandonando competencias autonómicas e obrigando aos concellos a atendelas con recursos propios, como sucede coa atención ás persoas dependentes a través do Servizo de Axuda no Fogar, as desinfeccións dos colexios ou o control e seguimento do cumprimento das medidas sanitarias. Javier Losada concordou con esta proposta: “Facedes moi ben en pedir explicacións porque hai 224 especificamente dedicados a afrontar os efectos económicos da pandemia entre tódolos sectores. E o mesmo cabe dicir sobre os 93 millóns para políticas educativas ou os 450 de políticas sanitarias públicas”.

A presidenta puxo en valor o modelo de cogobernanza, “ou sexa diálogo”, entre Deputación e Goberno de España e subliñou o gran contraste coa Xunta de Galicia. Así explicou que dende marzo do ano pasado enviou sete cartas ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo para celebrar unha xuntanza conxunta coas deputacións e grandes concellos e acordar cuestións como o apoio do Goberno galego aos sectores afectados, sen recibir resposta.

2.572 millóns de euros para o “escudo social”

Javier Losada informou de que o Goberno de España leva mobilizados 2.572 millóns de euros na provincia de Pontevedra dende o pasado mes de abril en medidas de apoio social. Deles, 556 millóns foron destinados a prestacións individuais e 2.016 a axudas a empresas. No que atinxe aos 556 millóns percibidos por traballadores/as destacan os 198,7 millóns destinados aos ERTE. Un total de 82.652 persoas estiveron nalgún momento baixo o paraugas desta medida de protección laboral e, a día de hoxe, a cifra é de 8.759. En canto ao colectivo de persoas autónomas, téñense abonado 96,4 millóns de euros na provincia en axudas extraordinarias. Ámbolos dous modelos de protección continuarán, ademais, en vigor ata o 31 de maio. Losada puxo en valor que, por primeira vez, un Goberno de España aprobou prestacións extraordinarias para un colectivo tradicionalmente esquecido, como o das persoas autónomas.

Ao respecto dos 2.016 millóns de axudas para a liquidez a través de créditos ICO, Losada deu conta de que inxectáronse a un total de 12.603 empresas e autónomos da provincia de Pontevedra, permitíndolle así facer fronte as súas necesidades financieiras. Ata decembro pasado tíñanse aprobado un total de 20.128 préstamos garantizados con avais do ICO de 1.557 millóns de euros. A maiores, un total de 7.616 persoas (delas 3.365 menores de idade) percibiron xa o Ingreso Mínimo Vital, que é un fito a prol da cohesión social do país e a máxima expresión da vontade do Goberno de “non deixar a ninguén atrás”.

O compromiso histórico da rebaixa das peaxes da AP-9 estivo tamén na axenda e así Carmela Silva destacou o avance sen precedentes que a inclusión nos PGE2021 de 55 millóns de euros para abaratar tódolos tramos “dunha vía estruturante para Galicia”. Sen embargo, aproveitou para pedir axilidade na entrada en vigor desta medida. Javier Losada explicou que Galicia sufre “o pecado orixinal da ampliación da concesión ata o ano 2047 por parte do Goberno de España presidido por Aznar, o que imposibilita o fin do período concesional e a liberación das peaxes, como está a suceder noutras partes do Estado”. O delegado explicou que o Ministerio de Transportes e Axenda Urbana xa está a traballar na “armazón” do Real Decreto que regulará esta rebaixa “para todo o período que resta de concesión”. “O importante é facelo ben e evitar controversias xurídicas, pois a propia Xunta de Galicia acaba de recibir unha sentencia contundente do Tribunal Supremo que lle obriga a pagar cantidades a Audasa”.

A xuntanza serviu tamén para repasar os asuntos tratados no primeiro encontro entre presidenta da Deputación e delegado do Goberno en agosto de 2018. Así deuse conta que asuntos como o nó de Bombeiros e as obras da circunvalación de Pontevedra están en marcha, así como os proxectos para a saída ferroviaria Sur de Vigo, a mellora da seguridade viaria na A-55, a nova sede da Tesourería da Seguridade Social, ou a tramitación previa do túnel Porriño-Vigo, así como os contratos para as escavacións nos xacementos galaicorromanos da provincia. Carmela Silva expresou a súa satisfacción ao comprobar que os asuntos tratados “acaban converténdose en feitos e que esta provincia avanza cada vez que nos reunimos”.

Finalmente, a presidenta Carmela Silva transmitiu a necesidade perentoria de que o mundo local teña acceso aos fondos europeos que van chegar a España. Neste senso explicou que a Xunta de Galicia é incapaz de xestionar unha parte dos recursos europeos que recibe, mentres os que xestionan os entes locais “transfórmanse en realidades”. Javier Losada recolleu o apunte e destacou especialmente as liñas de apoio a vivenda que van chegar para rehabilitación de vivenda en municipios de menos de 5.000 habitantes, “que son óptimos para a súa xestión a través das deputacións”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.