Chan pelviano e defensa persoal feminina, novidades na programación deportiva para o segundo cuadrimestre

Ofértase unha quincena promocional de balde para probar as diferentes alternativas antes de inscribirse
Publicado por o día 12/01/2018 na sección de Universidade de Vigo

Chan pelviano e defensa persoal feminina, novidades na programación deportiva para o segundo cuadrimestre

Tras os excesos do Nadal é tempo de regresar á rutina e de retomar hábitos de vida saudables. Para iso, a Área de Benestar, Saúde e Deporte retoma tamén o seu pulo normal de actividades e abre a matrícula para a programación deportiva do segundo cuadrimestre, que comeza o vindeiro 22 de xaneiro. As dúas vías principais para a práctica deportiva no campus vigués seguirán a ser os abonos Muver e Ponte en Forma, a través dos que se artellan os accesos ás instalacións, a participación en actividades e os descontos en programas deportivos e lúdicos. As e os abonados a calquera destas dúas tarxetas teñen tamén acceso ás actividades dirixidas, que neste cuadrimestre inclúen como novidade chan pelviano e defensa persoal feminina. Ademais, no que resta de curso manteranse as ligas deportivas universitarias en diversas modalidades, as competición intra e inter universitarias e a participación das distintas seccións federadas nos Campionatos de España Universitarios. A isto hai que sumar as entidades colaboradoras, centros deportivos e ximnasios privados que ofrecen á comunidade universitaria unhas condicións vantaxosas no seu uso, ao abeiro dun acordo coa institución académica.

Para todas as persoas que estean indecisas e non saiban por que tipo de actividade decantarse, a Área de Benestar, Saúde e Deporte organiza dúas semanas promocionais gratuítas para a comunidade universitaria nas instalacións deportivas, que se desenvolverán do 22 de xaneiro ao 4 de febreiro nos tres campus. Inclúe acceso gratuíto ás actividades dirixidas e acceso ás salas cardio fitness como un abono Muver.

Os abonos Muver e Ponte en Forma

O Abono Muver proporciona acceso libre e individual ás instalacións deportivas da Área de Benestar, Saúde e Deporte e está dirixido a persoas cunha boa saúde, con coñecementos básicos sobre o exercicio físico e autonomía para organizar o seu propio programa de adestramento. Estre as prestacións deste abono inclúese o acceso ás instalacións deportivas da Universidade nos tres campus, como as salas cardio-fitness, pistas de atletismo, de tenis, de tenis de mesa, squash, rocódromo e bicicletas BTT. Ademais, permite o acceso gratuíto ás actividades dirixidas de fitness, que neste cuadrimestre comprenden cross training (martes e xoves ás 11.00 h e outra sesión ás 20.00 h; luns e mércores ás 19.00h), chan pelviano (luns e mércores ás 16.30 h)e defensa persoal feminina (martes e xoves ás 19.00 h). Finalmente, os abonados Terán tamén descontos noutras actividades e programas, como os servizos de saúde ou programas como Augaventura.

Pola contra, aquelas persoas sen experiencia anterior co exercicio físico, as que teñan algún tipo de lesión ou patoloxía que necesiten dunha maior supervisión ou aquelas que simplemente demandan un seguimento máis personalizado da súa práctica deportiva teñen á súa disposición o abono Ponte en Forma. Esta modalidade ofrece acceso a un plan cuadrimestral de exercicio físico personalizado en función do estado físico actual e dos obxectivos de cada usuario/a. Durante o desenvolvemento deste programa a persoa usuaria contará cun seguimento técnico e médico deportivo individualizado que lle permitirá ir adaptando o seu programa de exercicio aos progresos que vaia realizando.

A finalidade é favorecer a adopción de estilos de vida máis saudables, mellorar a condición física orientada cara a saúde, a calidade de vida e o benestar. Así, este abono inclúe todas as vantaxes do Abono Muver, así como dúas revisións médico-deportivas gratuítas, unha inicial para coñecer o punto de partida do usuario (historia clínica, exploración física e ortopédica, podoscopia, medición de tensión arterial, electrocardiograma, espirometría e control antropométrico) e outra final ou de seguimento, para avaliar a efectividade do programa a través da evolución dos parámetros asociados a unha condición física saudable (antropometría, forza-resistencia muscular, flexibilidade, equilibrio e resistencia cardiorrespiratoria).

Toda a programación e os diferentes abonos están dispoñibles na páxina web da área.