Co investimento dun millón de euros da Deputación, Mos mellora a seguridade viaria de Tameiga, Torroso e Cela e acondiciona o paseo Louro, na Pesqueira

Victoria Alonso: “Nos últimos cinco anos, Mos recibiu uns 7,5 millóns de euros da Deputación que lle serviron para facer moitas obras e actividades, así como para contratar a 60 persoas paradas nos seus plans de emprego”
Publicado por o día 19/01/2021 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Mos

Co investimento dun millón de euros da Deputación, Mos mellora a seguridade viaria de Tameiga, Torroso e Cela e acondiciona o paseo Louro, na Pesqueira

A Deputación está a investir un millón de euros na mellora da seguridade viaria nas parroquias de Tameiga, Torroso e Cela e o acondicionamento do paseo do Louro, na zona do parque da Pesqueira, en Mos. As dúas actuacións, encadradas dentro do Plan Concellos, foron visitadas hoxe pola deputada de Igualdade e Cultura, Victoria Alonso, e o deputado de Réxime Interior e Facenda, Carlos Font, acompañados da alcaldesa, Nidia Arévalo e o concelleiro de Obras. As e os representantes institucionais, que subliñaron os froitos desta colaboración institucional, comprobaron os resultados das obras que puxeron fin aos problemas para o tránsito peonil e rodado na contorna da urbanización de San Eleuterio, en Tameiga, así como os novos equipamentos de lecer que poñen en valor o parque da Pesqueira, situado no paseo do río Louro.

Victoria Alonso subliñou que trátase de dúas obras amparadas no modelo da Deputación para a transformación sostible da provincia, creando e mellorando equipamentos e servizos públicos en prol da calidade de vida da veciñanza. A deputada destacou que Deputación de Pontevedra é, arestora, “sinónimo de transparencia e trato equitativo a tódolos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes con financiamento regrado e achegas transformadoras, goberne quen goberne”. Máis aínda, destacou que o Plan Concellos converteuse en garantía de avance, “ata o punto de que é imposible viaxar pola provincia se atoparse con carteis do máis ambicioso plan da historia da institución provincial”. “Durante estes cinco anos”, explicou a deputada, “Mos ten recibido máis de 7 millóns e medio de euros que utilizou non só para obras, senón para actividades socioculturais e contratar a un total de 60 persoas paradas nos seus sucesivos plans de emprego”. “O Plan Concellos dá moita vida e permite aos gobernos municipais estar preto da cidadanía”, concluíu.

Pola súa banda, Nidia Arévalo destacou que con estas dúas obras remátase un ciclo do Plan Concellos da Deputación, “un ciclo moi importante que dende o Goberno local decidimos enfocar cara obras de humanización, porque no rural non só hai que falar de asfalto, senón tamén de humanizar, porque hai lugares, barrios e zonas onde está a igrexa, o campo de fútbol ou a escola e onde, por tanto, se congregan moitas persoas”. Destacou que en Mos hai moito costume de saír a camiñar e as obras realizadas na contorna da urbanización de San Eleuterio responden a esta demanda social. “Agora co Plan Concellos estamos a piques de comezar a humanización de Guizán, que xa está adxudicada, e así abrir un novo ciclo”. “Estou moi contenta de que teñamos optado pola liña das humanizacións porque sempre é un acerto dar á xente a posibilidade de comunicarse con seguridade”, rematou.

Nova zona de xogos de auga no parque da Pesqueira

Coas obras realizadas no parque da Pesqueira incrementouse substancialmente a oferta de servizos de lecer tanto para as crianzas como os maiores. Púxose en valor o paseo do río Louro, onde se corrixiron algúns desgastes motivados polo uso e a erosión, e afrontouse o acondicionamento das catro zonas dedicadas á praza de xogo e descanso, parque de elementos biosaudables, zona de mesas para comer e, finalmente, a área de xogos de auga. Nesta última zona instaláronse elementos cos modelos “seta” ou similar, “choiva”, chorro e efecto túnel. Todo o ámbito embeleceuse tamén con parterres de plantas e flores…

En canto á mellora da seguridade viaria en Tameiga, a actuación centrouse na contorna da urbanización de San Eleuterio. Creouse un itinerario peonil seguro que dá continuidade ao que xa existía na estrada Tameiga-Pereiras, ao Oeste, e chega á Ermida de San Eleuterio, onde se continúa polo camiño da Levantada, ata a vía de servizo da A-55, en dirección Norte. A beirarrúa conta agora cun ancho mínimo de 1,80 metros de ancho, garantindo así a seguridade do tránsito peonil entre as vivendas e os equipamentos existentes (o campo de fútbol, a ermida de San Eleuterio ou a Escola Infantil). Aumentouse tamén o ancho da calzada naquelas zonas con estreitamentos perigosos, previa escavación e construción de muros. Finalmente instalouse nova iluminación eficiente, drenaxe e mellorouse a sinalización.

Estas actuacións concretas na zona de San Eleuterio, valoradas en máis de 210.000 euros están enmarcadas dentro dun proxecto global do Plan Concellos que inclúe tamén as obras en marcha nas parroquias de Torroso e Cela cun orzamento global para este proxecto moi próximo aos 850.000 euros.

A Deputación de Pontevedra leva investidos en torno a 7,5 millóns de euros en Mos dende o ano 2015, cando se produciu o cambio na institución provincial. Desta cantidade, 4,8 millóns corresponden á área de Cooperación e débense, case na súa totalidade a actuacións encadradas no Plan Concellos. Neste mesmo ano, 2021, o Concello de Mos terá ao seu dispor un orzamento doutros 966.009 euros (6.000 euros máis que o anterior) con cargo ao plan.

Ao longo de 2020, Mos xestionou 7 obras do Plan Concellos, entre as que destacan a mellora da seguridade viaria nas parroquias de Guizán e Tameiga (preto de 320.000 euros), ampliación da rede de saneamento integral en Louredo-Guizán e Cela (case 250.000 euros) e obras en instalacións deportivas municipais (40.000 euros). En total, leva executadas 24 obras financiadas pola Deputación, fundamentalmente destinadas á mellora da seguridade viaria, saneamentos, humanización de rúas, e mantemento e mellora de equipamentos.