Ata o 23 de setembro poderá matricularse a través da plataforma Bubela o persoal docente e investigador da Universidade que Vigo que queira participar no Encontro de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento para o PDI, que ten como obxectivo facilitar o intercambio de experiencias de investigación e docencia no eido da cooperación universitaria ao desenvolvemento (CUD), así como a formación e a información sobre as convocatorias de investigación neste ámbito. “As universidades debemos orientar a nosa docencia, investigación e transferencia non só a crear profesionais e avanzar no coñecemento, tamén debemos converternos nun actor estratéxico de cambio e transformación social contribuíndo na mellora de vida das persoas e na redución das desigualdades entre os países, como consagra a Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible a través, fundamentalmente do ODS 10”, sinala Xosé Mahou, director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación.
Entre 10 e 150 persoas que traballan en temas relacionados co CUD ou que estean interesados neles, poderán participan no encontro que se desenvolverá no campus de Vigo e no que a primeira xornada, o 26 de setembro, estará dedicada á investigación e cooperación universitaria para o desenvolvemento, mentres que a segunda, ao día seguinte, se centrará na docencia. “O que buscamos especialmente é a participación activa do PDI. Pretendemos que as e os docentes fagan presentacións breves, baixo o formato Pecha-Kucha (20 diapositivas de 20 segundos) sobre un proxecto de investigación en CUD no que estean a traballar ou queiran traballar, ou unha experiencia de cooperación en docencia”, detalla Mahou , que explica que unha vez expostos os traballos procederase a deseñar proposta de proxectos nestes dous ámbitos co persoal técnico da Oficina de Proxectos Internacionais e a Área de Formación e Innovación Educativa. As presentacións das e dos participantes no encontro, que non poderán superar as 200 palabras, deberán remitirse a innovacion.educativa@uvigo.es antes do 22 de setembro. En calquera caso, o PDI que participe no encontro poderá acudir simplemente como asistente, presentando un traballo de investigación ou docencia en CDU ou asistindo e presentando un traballo.
A actividade está coorganizada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e a Área de Formación e Innovación Educativa.
Xeración dun banco de proxectos e experiencias sobre CUD na UVigo
O encontro, que se insire no Programa de Formación Permanente do PDI, permitirá ademais xerar un banco de proxectos e experiencias sobre CUD na Universidade de Vigo a partir das presentacións achegadas polas e polos docentes e investigadores participantes. Previamente á exposición dos proxectos, as sesións comezarán con relatorios a cargo da directora da Oficina de Acción Solidaria e Cooperación da UAM, Silvia Arias; así como de técnicas de cooperación ao desenvolvemento da Agencia Española de Cooperación e da Xunta de Galicia e da directora do Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa –ICSEM, Yolanda Molares.
“Rematar coa fame e a pobreza, acadar a igualdade de xénero, mellorar a xestión da auga, estender o uso de enerxías limpas, protexer o planeta e loitar contra a crise climática ou promover sociedades xustas, pacíficas, inclusivas…son tarefas que tamén atinxen á universidade”, asegura Xosé Mahou , que incide no reto que supón a Axenda 2030, así como a necesidade de orientar parte dos esforzos da institución académica a acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.