Que as experiencias educativas innovadoras non se queden nun caixón, que non se circunscriban ás aulas nas que implementan senón que se divulguen, se difundan e se poidan aplicar para mellorar o proceso formativo de cantas máis persoas mellor. Con este espírito naceu en 2009 o Congreso Internacional de Docencia Universitaria. Esta experiencia colaborativa acada este ano a súa sexta edición reunindo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias do campus de Vigo case 300 persoas, chegadas principalmente de universidades de toda España, así como de Portugal e de institucións latinoamericanas.
O congreso arrancou este xoves e estenderase ata o sábado, tres días ao longo dos que se presentarán 225 comunicacións sobre temáticas moi diversas como as novas tecnoloxías aplicadas á docencia, o perfil do alumnado do século XXI ou os desafíos para o profesorado, tanto da etapa universitaria como das etapas previas. Á fronte do comité organizador están os profesores da Universidade de Vigo Pedro Membiela, Mercedes Suárez e Manuel Vidal. Membiela lembra que o evento xorde “como un escenario de difusión, comunicación e interacción destinado ao corpo docente”, no que se amosan as últimas actividades e metodoloxías levadas a cabo por formadores a través de diferentes relatorios e mesas redondas.
A importancia de adaptarse ás novas realidades
Con esta sexta edición o congreso cumpre dez anos, e faino, destacaba o profesor Membiela, “grazas aos asistentes, aos participantes, aos que presentan comunicacións, aos que as avalían e a toda a xente que vén doutras universidades, tanto españolas como latinoamericanas, como Arxentina, Brasil, México, Perú, Chile, Uruguai, etc.”.
No acto de inauguración do simposio, celebrado este xoves, participaron Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Jaime Aneiros, concelleiro de Facenda e Jorge Falagán, decano de Ciencias Económicas e Empresariais, xunto con Membiela, responsable do Comité Organizador. Todos eles salientaron a importancia de que as e os docentes se adaptan ás contornas cambiantes, ás novas xeracións e aos novos xeitos de aprender e ensinar. A vicerreitora destacou o feito de que se trate dun congreso multidisciplinar, “algo que non é tan común nas universidades, polo que este é un exemplo de boas prácticas a seguir”. O concelleiro Jaime Aneiros remarcaba que para a cidade de Vigo “é un orgullo acoller un grupo de persoas preocupadas pola docencia, por mellorar e reflexionar sobre a transferencia de coñecemento, que é a tarefa dos profesores universitarios”. Dende a súa faceta como docente da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, quixo lembrar que “as novas xeracións que se matriculan nas universidades xa non son as mesmas que eramos hai 20 ou 30 anos, a educación cambiou, igual que o fixo a forma de ser da xuventude, o seu acceso á información e, polo tanto, os hábitos tamén cambiaron e iso fai que na clase os docentes teñamos que adaptarnos”. Neste sentido, Jorge Falagán, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, tamén recalcou que esta contorna supón un reto para os docentes, que deben “adaptarse ás novas xeracións, ao seu uso das novas tecnoloxías e á súa capacidade de concentración”.
Tras o acto de apertura, na tarde de onte xoves tivo lugar a conferencia inaugural do congreso, centrada na eficacia percibida e a práctica docente, achegando as concepcións do profesorado e as implicacións para a aprendizaxe, que foi impartida pola profesora Leonor Prieto Navarro, da Universidad de Comillas.
Compartir para innovar
Os organizadores explican que “é moi importante para a mellora da docencia difundir as experiencias innovadoras e investigadoras realizadas polos profesores e profesoras, xa que ese intercambio axuda a pensar sobre o camiño seguido, as dificultades e logros conseguidos, e a mellorar a práctica”. Polo tanto, e con xa cinco edicións ás costas, o congreso tense convertido nun punto de encontro para o intercambio de experiencias e de relación entre profesorado, e todas aquelas persoas interesadas na docencia universitaria.
Ademais das presentacións de comunicacións, unhas 225 en total entre os tres días, na mañá deste venres desenvólvese unha mesa redonda sobre experiencias innovadoras nas aulas universitarias e xa pola tarde terá lugar unha conferencia titulada Universidades, inserção laboral e aprendizagem: desafios contemporáneos, da man de Mariana Gaio Alves, Universidade de Lisboa. Mañá sábado, ademais das sesión de presentación e pósters, celebrarase unha mesa redonda sobre a informatización do labor docente, as súas vantaxes e inconvenientes.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.