Continúa o conflito laboral no transporte urbano de Ourense, que acumula xa case dúas semanas de paros de seis horas diarias, en franxas de 8:00 a 10:00 horas, de 13:00 a 15:00 e de 19:00 a 21:00 horas. Se non se producen avances suficientes na negociación do convenio, haberá folga indefinida a partir do 15 de xaneiro, advirte CCOO.
Desde Comisións Obreiras lembran que a concesión dos autobuses ourensáns é unha das máis importantes no concello, tanto pola súa contía económica como polo número de persoas usuarias. O comité de empresa pídelle desculpas á cidadanía polos inconvenientes que poidan ocasionar os paros, pero «sentimos que temos o seu apoio ante as nosas reivindicacións».
Segundo CCOO, o Grupo Avanza, maioritario na empresa Urbanos de Ourense, S. L., «ten a chave para desbloquear a negociación e permitir a volta á normalidade». Non obstante, o sindicato tamén interpela o Concello, xa que «a situación de precariedade da propia concesión salpica a negociación e sería de esperar unha intervención municipal no conflito».
Situación da concesionaria
A concesionaria do servizo é, desde o ano 2005, Urbanos de Ourense, S. L., participada maioritariamente polo Grupo Avanza. A empresa consta de 117 traballadores e traballadores, dos cales a maioría —90— son condutores e condutoras; o resto do persoal está nos talleres ou realiza labores administrativos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.