Fernando Navarro presenta no campus a plataforma especializada en tradución médica Cosnautas

É a principal ferramenta en liña para os profesionais deste ámbito
Publicado por o día 26/09/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Fernando Navarro presenta no campus a plataforma especializada en tradución médica Cosnautas

A maior parte dos profesionais que a día de hoxe se dedican á tradución médica teñen como principal ferramenta de traballo Cosnautas, unha plataforma en liña especialmente concibida para editar recursos dixitais dirixidos a este tipo de profesionais e que, ao tempo, permite, entre outros moitos servizos, realizar consultas intelixentes a través do uso de buscadores e hipervínculos altamente especializados. Detrás desta plataforma está un dos principais referentes a nivel nacional neste ámbito, o profesor e tradutor Fernando Navarro, quen visitou este xoves a Facultade de Filoloxía e Tradución para impartir unha conferencia, organizada con motivo da celebración o vindeiro luns do Día Internacional da Tradución, na que tivo a oportunidade de presentarlle ao alumnado do centro, especialmente aos de doutoramente e mestrado, todos os detalles da plataforma.

De presentar a Navarro encargouse a profesora Ana Luna, do grupo de investigación Bitraga BiFeGa, quen resumiu o amplo currículo deste autor, médico de formación e especialista en farmacoloxía clínica, quen exerceu durante anos como tradutor médico dos Laboratorios Roche en Basilea (Suíza) e quen na actualidade exerce como tradutor médico autónomo para grandes laboratorios farmacéuticos e organismos internacionais do sector biosanitario, e tamén como docente do Máster en tradución médico-sanitaria, da Universidad Jaume I. Xunto a eles participou tamén neste encontro Rossana Couto, vogal da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI), que colaborou tamén na organización da xornada.

Moito máis aló dos dicionarios bilingües

Na súa intervención Navarro fixo fincapé en como os profesionais da tradución invisten demasiado tempo en buscar información espallada pola rede, xa que esa información é moitas veces indispensable para comprender e traducir correctamente os orixinais. Neste contexto, explicou como en Cosnautas a persoa que ten que traducir pode atopar todos estes recursos de xeito máis reunido e con todas as vantaxes que pode ofrecer un servizo en liña.

Desde Cosnatuas os profesionais da tradución médica poden acceder tamén ao Diccionario de dudas y dificultades de traducción del inglés médico, coñecido popularmente entre o gremio como Libro rojo, do que Navarro é autor e que recolle a maior parte do repertorio lexicográfico por excelencia que todo tradutor/a debe dispor si quere levar a cabo un traballo de calidade. Considerado “todo un fito”, o que fai especial a este manual é o feito de que moitas entradas recollen tamén comentarios críticos sobre o uso habitual entre médicos, normas ortográficas básicas, recomendacións, matices…